
Na mañá deste martes 25 de agosto falecía unha persoa nunha colisión entre unha moto e un coche na avenida Castilla en Verín arredor das 11:15 horas, tal como informan dende o 112 Galicia, explicando que segundo indicaron varios particulares “unha moto e un coche colidiran, de maneira que o motorista quedara de baixo do turismo, asegurando que podía estar atrapado”.
Decontado, dende o 112 poñían os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Verín e da Garda Civil de Tráfico. Logo de acudir ata o punto, “os servizos de emerxencias confirmaron que a vítima non estaba atrapada, aínda que nada se puido facer por evitar o seu falecemento”.