DeportesÚltima hora

Falece unha copiloto galega nun accidente no Rally de Laciana, en Villablino (León)

Vehículo que sufria o accidente, durante outro momento do rallye./ Cedida.

 

Tráxica segunda edición do Rally de Laciana, que se celebraba esta fin de semana en Villablino (León). No seu decurso producíase un accidente de tráfico no que falecía unha copiloto galega, tal e como confirmaba a propia entidade organizadora da proba, Escudería Laciana Motor, a través dun comunicado, no que expresaba “o seu máis sentido pésame aos familiares e amigos de Bárbara Gómez”. Ademais convocábase a todos os pilotos e copilotos da proba e afeccionados a cunha concentración esta tarde ás 19h. “para honrar a súa memoria cun respectuoso minuto de silencio”.

O accidente producíase, segundo informa o 112 de Castela e León, cando este vehículo que participaba no rallye se saía da vía e chocaba contra o piar da cancela da meta, á altura do quilómetro 6 da estrada CL-626, en Caboalles de Abajo, dentro do termo municipal de Villablino.

O centro de emerxencias daba aviso do accidente á Garda Civil (Tráfico) de León, aos Bombeiros de Ponferrada -que avisaban á súa vez ao parque de Villablino dependente da Deputación- e ao centro coordinador de urxencias (CCU) de Emerxencias Sanitarias – Sacyl, que envíaba unha UVI móbil, unha ambulancia de soporte vital básico e persoal sanitario de Atención Primaria do Centro de Saúde de Villablino.

No lugar do accidente, o persoal sanitario de Sacyl confirmaba o falecemento dunha das persoas feridas, que era unha muller de 29 anos, a copiloto Bárbara Gómez. Ademais atendían a un home de 29 anos, a quen se trasladaba máis tarde na UVI móbil de Emerxencias Sanitarias ao Hospital do Bierzo de Ponferrada (León).

Artigos relacionados

Back to top button