
Dende a Consellería de Sanidade vén de emitirse un comunicado no que se confirma o falecemento dunha nena de 11 anos de Ourense, con sospeita de infección meningócica invasora. “Ante a dita sospeita activouse o protocolo vixente publicado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellerías de Sanidade. Ademais das actuacións correspondentes ao sistema asistencial en relación cos contactos estreitos familiares e sanitarios, desde o Departamento Territorial de Sanidade de Ourense realizouse a busca dos contactos estreitos dos últimos 10 días dentro do seu ámbito educativo e social”, segundo Sanidade.
Tamén indica Sanidade que “ditos contactos estreitos (104), todos identificados xa, están citados na tarde de hoxe e durante o día de maña para recibir a quimioprofilaxe recomendada polos protocolos de actuación nestes casos. A Consellería de Sanidade lamenta o falecemento da nena e traslada as súas condolencias á familia”.
Ademais, dende Sanidad infórmase de que Galicia decidiu ampliar as pautas de vacinación fronte a esta patoloxía e, desde este mesmo mes de maio será a primeira comunidade en administrar aos nenos e nenas de 12 anos a protección fronte á forma máis frecuente da meninxite.
Así desde maio, todos os nenos e nenas que acudan ao centro de saúde á revisión dos 12 anos recibirán xa a nova dose fronte ao meningococo B. “A vacinación fronte a esta enfermidade bacteriana xa estaba prevista no calendario de inmunización aos 2 e aos 4 meses, máis unha dose de recordo ao facer 1 ano. Agora, as nenas e nenos que non teñan esa pauta completa, recibirán dúas doses aos 12 anos e, o resto, unha sola dose”, di Sanidade.