OurenseÚltima hora

Falece unha persoa e dúas resultan feridas tras saírse un coche nunha proba deportiva en Taboadela

 

Ás 12h. deste 23 de agosto producíase un grave accidente en Taboadela, tras saírse da vía un coche que participaba nunha proba deportiva. O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba o suceso ao 112 Galicia. A partir de aí, poñíase en marcha un operativo de intervención formado por, ademais do persoal sanitario, polos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, membros do GES de Pereiro de Aguiar e da Garda Civil de Tráfico.

“O piloto do vehículo que se saíu da vía faleceu e o coche quedou completamente calcinado. O condutor doutro vehículo que tamén participaba na proba resultou ferido de consideración, tras ser alcanzado polo primeiro vehículo. Ademais, aínda que non parece revestir gravidade, un espectador tamén resultou ferido”, tal e como indica o 112 Galicia.

Ademais, segundo a información recibida no 112 Galicia, “a organización dispoñía de ambulancias e persoal sanitario no evento. De feito, os dous feridos, o piloto do segundo vehículo afectado e o espectador foron trasladados polos servizos sanitarios da mesma organización ao Hospital de Ourense. Aínda así, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba ao 112 Galicia que enviaban ao punto un vehículo sanitario co seu equipo médico para atender á muller e á afillada do falecido”.

Back to top button