OurenseÚltima hora

Falece unha persoa tras bater o tractor que conducía contra un coche estacionado en Paderne de Allariz

 

Está mañá falecía unha persoa en Paderne de Allariz despois de chocar o tractor que conducía contra un coche estacionado.  O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 09:00 horas desta mañá. O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba aos xestores de emerxencias a saída dunha UVI móbil para o Coucieiro, en Paderne de Allariz.

“Tratábase dun accidente entre un tractor e un coche, na estrada que une Penelas e Ousende. Os sanitarios indicaban que a persoa estaba inconsciente. Con todo, ante a gravidade que aparentaba, os profesionais sanitarios derivaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense”, tal e como indica o 112 Galicia.

Segundo a información recibida a través dun alertador que tamén contactou co 112 Galicia para pedir axuda, “unha posible indisposición ao volante do condutor do tractor puido ser a causa do choque do vehículo agrícola contra un turismo que estaba aparcado no lugar, e que lle causou a morte. Engadía ao seu relato que a vítima estaba totalmente liberada e accesible”, tal e como asegura o 112 Galicia.

Ademais do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acudiron ao punto tras ser avisados polo 112 Galicia, os Bombeiros de San Cibrao, os membros do GES de Maceda, os axentes de Trafico e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Allariz.

Tras os intentos de reanimación, nada se puido facer por salvarlle a vida. Finalmente, o persoal sanitario tan só puido confirmar o falecemento da persoa.

Back to top button