
A Federación Alcer Galicia celebrou o pasado 17 de setembro, na cociña de Mihflor (Ourense), un obradoiro de nutrición e cociña no marco do proxecto “Apóiate en Alcer”. A actividade estaba dirixida a persoas con enfermidade renal crónica (ERC), así como a coidadores/as, familiares e persoas do seu entorno.
O obxectivo desta formación “era achegar de maneira práctica e participativa diferentes ferramentas para facilitar unha alimentación saudable e adaptada ás necesidades nutricionais das persoas con enfermidade renal crónica”, tal e como explican os promotores.
Durante o obradoiro explicáronse os principais aspectos da dietoterapia na ERC, abordando cuestións como o control do potasio, fósforo, sal e proteínas, así como diferentes técnicas culinarias que permiten adaptar a alimentación ás distintas fases e necesidades da enfermidade.
A parte práctica centrouse na elaboración de diferentes receitas adaptadas á ERC, mostrando que é posible preparar pratos saborosos, variados e nutricionalmente adecuados. Entre as elaboracións realizadas atopáronse un hummus de legumes e unha tortilla de pataca e coliflor, entre outras propostas pensadas para aplicar facilmente no día a día.
Con este tipo de iniciativas, dende Federación Alcer Galicia buscamos achegar a educación nutricional á vida cotiá das persoas con ERC, proporcionando recursos prácticos que favorezan a adherencia á nutrición renal.
Federación Alcer Galicia
A Federación Alcer Galicia engloba ao conxunto de Asociacións de Loita Contra as Enfermidades do Ril Alcer da Coruña Lugo Ourense e Pontevedra que teñen por obxecto mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal crónica. O programa Apóiate en Alcer é un programa de nutrición en ERC financiado a través do 0,7% do IRPF da Consellería de Políticas Sociais da Xunta de Galicia.