ConcellosÚltima hora

Feira de Gando o 2 de agosto no Toural de Castro Caldelas

Feira de gando en Castro Caldelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Este sábado 2 de agosto celebrarase no Toural de Castro Caldelas a 3ª Feira de Gando do 2025 “a única da provincia de Ourense”, tal como indica a alcaldesa, Sara Inés Vega, explicando que pode asistir gando de calquera comunidade “sempre que cumpra as condicións sanitarias vixentes”.

O centro de desinfección permanecerá aberto de forma gratuíta para os gandeiros o venres día 1 de agosto de 16 a 19 horas para o servizo de desinfección de vehículos (deben ir lavados). E xa o propio día da feira tamén estará aberto para desinfección e lavado de vehículos dos gandeiros ata as 12 horas.

No recinto feiral haberá servizo de comida: pulpo (prezo á parte); e menú con empanada, carne ao caldeiro ou churrasco variado, bica, viño ou refresco, café, chupito de licor ou herbas (20 euros).

A alcaldesa amosa o “apoio total aos nosos gandeiros porque son un dos motores da nosa comarca e grazas a eles a paisaxe mantense, evitándose os incendios e a desertización e sentan poboación que crea riqueza no rural”.

 

Xantar na feira de gando de Castro Caldelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button