CulturaCulturaÚltima hora

Felipe Arias Vilas, novo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O patrón fundador da institución foi elixido por unanimidade na asemblea extraordinaria celebrada hoxe

Foto: Museo do Pobo Galego.

 

Felipe Arias Vilas (Lugo, 1949), arqueólogo e patrón e membro fundador do Museo do Pobo Galego, vén de ser elixido neste 24 de outubro presidente do seu Padroado desta entidade museística. A elección tivo lugar nunha asemblea extraordinaria convocada para cubrir a vacante na presidencia tras a renuncia de Concha Losada ao cargo, o pasado mes de maio. Arias Vilas, único candidato presentado, recibiu o apoio unánime da asemblea. O resto das e dos membros do Consello de Goberno continúa nos seus cargos.

Arias Vilas conta cunha ampla traxectoria no ámbito museístico galego. Foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984, dirixiu o Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación, en 1983, ata 2014, ano da súa xubilación; e foi promotor do Consello Galego de Museos. A súa relación co Museo do Pobo Galego remóntase á fundación da institución, coa que mantivo unha estreita vinculación durante estas cinco décadas até a actualidade.

Con este nomeamento, Arias Vilas convértese no sexto presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, despois de Xaquín Lorenzo Fernández (1976-1989), Antonio Fraguas Fraguas (1989-1999), Isaac Díaz Pardo (2000-2011), Justo Beramendi (2011-2022) e Concha Losada (2022-2026).

A elección chega nun momento especialmente significativo para a institución, que en 2027 celebrará o seu 50 aniversario. A efeméride será unha oportunidade para recoñecer o percorrido do Museo ao longo de cinco décadas e proxectar o seu futuro como espazo de conservación, investigación e divulgación da cultura galega, ao servizo da sociedade.

Back to top button