Novo accidente de tráfico no Barco de Valdeorras. Un día despois da saída de vía dunha moto na estrada entre Viloira e Soulecín, producíase outro incidente parecido pero cun coche, nunha das entradas da vila.
Pasadas as 11:30 horas un coche que circulaba pola estrada de acceso ao Barco, na rotonda a carón do Lid’l, saíase da vía, dando varias voltas de campá segundo testemuños presencias, e envorcaba. A única ocupante, unha muller que ía cun can, quedaba atrapada no interior do vehículo tendo que ser excarcerada aínda que segundo as primeiras informacións estaba consciente, sendo trasladada en ambulancia ata o Hospital Público Valdeorras.
Á parte de Urxencias Sanitarias 061, ata o lugar desprazábanse os bombeiros do parque comarcal, o GES Valdeorras, a Policía Local do Barco e a Garda Civil de Tráfico.
Dado o concorrido do lugar a esta hora da mañá, eran moitas as persoas que se achegaban ata o coche para axudar e preocuparse polo estado da muller.
Fotos: O SIL
Vídeo cedido
