OurenseÚltima hora

Ferido de gravidade un técnico sanitario tras ser atropelado en Toén

 

Un técnico sanitario resultaba ferido de gravidade na tarde do sábado 1 de novembro ao “ser atropelado por un vehículo mentres participaba nun operativo de asistencia a un accidente de tráfico rexistrado na autovía A-52, ao seu paso polo concello ourensán de Toén”, aseguran dende o 112 Galicia.

Tal como explican, o primeiro aviso chegaba ás 19:15 horas, “a través da chamada dun particular que informaba dunha colisión entre dous vehículos no punto quilométrico 239 da autovía, na zona de Feá”. Ata o lugar eran mobilizados os Bombeiros do Carballiño, o GES de Ribadavia, a Garda Civil de Tráfico, os efectivos de Protección Civil e o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, “aínda que neste primeiro sinistro non se rexistraron persoas feridas”, puntualizan dende o 112.

Porén, minutos despois, arredor das 19:40 horas, “os Bombeiros desprazados comunicaron ao 112 Galicia que un técnico sanitario fora atropelado por un terceiro vehículo mentres colaboraba nas tarefas de atención ao accidente inicial”, din, asegurando que “o profesional resultou ferido de gravidade e foi trasladado polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia”.

Back to top button