A Pobra de BrollónConcellosÚltima hora

Ferido e atrapado o condutor dun camión tras unha saída de vía na N-120 ao seu paso pola Pobra do Brollón

 

Na mañá deste martes 13 de xaneiro, o condutor dun camión resultaba ferido e quedaba atrapado tras unha saída de vía rexistrada na estrada N-120, á altura do quilómetro 512, ao seu paso pola parroquia de Cereixa, no concello da Pobra do Brollón, tal como indican dende o 112 Galicia que tiña constancia do suceso arredor das 11:35 horas.

A información chegaba a través dunha alerta emitida polo sistema de emerxencias dun smartphone, que indicaba que o seu propietario sufrira un accidente. “Aínda que se intentou establecer comunicación con el, non foi posible nun primeiro momento, polo que se iniciou de inmediato a mobilización dos recursos de emerxencia”, explican, destacando que “minutos despois, un particular que circulaba pola zona confirmou a saída de vía do camión e indicou que o condutor podería atoparse atrapado”.

Desde a sala de operacións do 112 Galicia daban aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Monforte, ao GES de Quiroga e á Garda Civil de Tráfico. “Unha vez no lugar, o persoal sanitario decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense para trasladar ao ferido ao hospital de referencia, tras ser excarcerado polos servizos de emerxencia”, conclúen.

Back to top button