ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Ferido o condutor dun coche nunha saída de vía na OU-533, en Mourisca (Viana do Bolo)

 

Na madrugada deste sábado 29 de novembro, un home tiña que ser excarcerado despois de sufrir unha saída de vía mentres circulaba pola OU-533, ao seu paso polo quilómetro 22, en Mourisca (Viana do Bolo). Tal como informan dende o 112 Galicia “o ferido viaxaba só e quedou atrapado no interior do vehículo, polo que precisou ser liberado polos equipos de intervención antes de ser atendido polo persoal sanitario”.

O aviso chegáballes ás 04:45 horas, tras a chamada do propio implicado. “O condutor explicou que se quedara durmido ao volante e rematara fóra da estrada, sen posibilidade de abandonar o turismo polos seus propios medios” polo que dende o 112 solicitaban a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES da Veiga, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

“Con todo, foi necesario empregar o material de excarceración para liberar ao ferido, o cal foi trasladado a bordo dunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia”.

Back to top button