ConcellosO BarcoÚltima hora

Fernando Lozano Selles toma posesión como Inspector Xefe da Policía Local do Barco

 

Fernando Lozano Selles tomaba posesión o 13 de decembro do seu cargo como Inspector Xefe da Policía Local do Barco de Valdeorras, unha vez superado o proceso selectivo de acceso á categoría de Inspector e finalizado o período obrigatorio de formación de dous meses na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

A designación de Fernando Lozano Selles como inspector foi publicada o venres no Boletín Oficial da Provincia. O novo inspector leva 30 anos na Policía Local do Barco, dos cales 25 foron xa como oficial. Desde o ano 2019 vén desempeñando as funcións de xefe, tras a xubilación do anterior Inspector.

En febreiro de 2025, Lozano superou como primeiro da promoción a oposición unitaria convocada pola AGASP para o acceso á categoría de Inspector en Galicia, nun proceso ao que concorreu con aspirantes da mesma categoría procedentes de diferentes puntos de Galicia. Tras a superación da fase de oposición, completou o período de formación selectiva na AGASP, requisito previo á súa incorporación definitiva ao posto.

No ámbito académico, é Diplomado e Graduado en Educación Social, así como Máster en Comunicación e Educación en Rede pola UNED. Ao longo da súa carreira mantivo unha implicación continuada na Educación Viaria desde o ano 2000, desenvolvendo cursos e actividades formativas en toda a comarca de Valdeorras. Tamén foi profesor colaborador da AGASP na materia de Ética e Deontoloxía Policial nos anos 2009, 2010, 2011, 2013 e 2022, contribuíndo así de xeito activo na formación de diferentes promocións de policías en Galicia.

O seu compromiso social reflíctese tamén na participación en proxectos sociais e educativos dirixidos a menores, adolescentes, persoas con discapacidade e persoas maiores, así como en iniciativas de mobilidade laboral “in itinere”. Neste eido, cómpre salientar a súa participación como relator na Convención da DXT celebrada en Benidorm no ano 2008, onde presentou o Proxecto LOUXA, centrado na seguridade dos desprazamentos dos traballadores do sector da lousa na comarca. No ámbito da especialización policial, recibiu formación policial avanzada, destacando a súa participación no curso de Policía Xudicial Xeral na Academia de Valdemoro da Garda Civil (2019), compartindo formación con policías locais de toda España.

No ano 2005 recibiu unha felicitación formal do Tenente Coronel da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Benedicto González, pola súa participación directa na operación “SOBAO”, na que se interviñeron 1.240 gramos de cocaína, 18.000 euros en efectivo e 15 vehículos.

Back to top button