ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

Fervenza (O Barco) convértese nunha aldea de conto cun “Nadal diferente”

Esta mimada decoración da aldea poderá visitarse ata o vindeiro 7 de xaneiro

 

Unha luz moi especial anuncia dende a tarde deste 7 de decembro a chegada a Fervenza (O Barco). Recibe ao visitante para mergullalo nun ambiente navideño, e á vez tradicional, que envolve por completo cada recanto desta fermosa aldea e se reflexa en multutide de elementos (máis de mil) en lugares que van dende un prado, as rúas, á praza, a contorna da igrexa, o forno e mesmo o interior dunha casa. Son diferentes puntos de interese coidados ao detalle para mergullarse no Nadal de Fervenza.

 

 

E todo é froito da creatividade, esforzo e traballo dun grupo de veciñas e veciños, cheos de ilusión, que, por terceiro ano consecutivo, volvíanse a xuntar para vestir dun “Nadal diferente” esta aldea. Un proxecto no que levan traballando dende hai meses e que desta volta tamén tivo colaboración do Concello do Barco. “Reforzamos algúns dos elementos do ano pasado e incorporamos outros ampliando a decoración a máis casas. Tamén ampliamos a iluminación temos establecidos ata 13 lugares de interese para a xente que se achegue a visitarnos, con máis de 700 m de luces”, adiantan dúas das veciñas organizadoras.

 

 

Entre eses puntos de interese están a Casa do Apalpador, cuxa porta aberta convida a pasar. No seu interior, o lume aceso, un escano á beira do lume, sobre o que hai un pote, e unha mensaxe escrita por este personaxe lendario para o visitante.

Tamén esta a Casa da Costureira, con xigantescos botóns na súa fachada, grandes carretes de fío no exterior e mesmo unha máquina de coser e ata un tendal cheo dalgunhas prendas recén cosidas. Outro lugar a ter en conta e o forno, aínda con brasas no seu interior, e cunha serie de empanadas (dende maravallas ata bacallau) e pan (todo recreado), coa súa correspodente listaxe de prezos, iso si, en pesetas.

 

 

Hai tamén unha Adega e a casa dos chourizos e xamóns pendurados no seu exterior, entre outros embutidos; un tren cheo de agasallos, pero tamén de carbóns, un rabaño de ovellas acompañados de dous burros, unha casa das panxoliñas e, por suposto, multitude de docería polas rúas, animaliños como pitas e unha piara de porquiños… entre outras sorpresas para descubrir.

 

 

Cada recuncho é un detalle para desfrutar. Así, nestas datas Fervenza volve a converterse nunha aldea de conto, pero dun conto de “Nadal diferente” que, de seguro, volverá a atraer a numerosas persoas, tanto da zona como de fóra, como acontecía o pasado ano. Deste xeito, unha proxecto que nace para unir e reunir á veciñanza, serve tamén para poñer en valor á aldea e compartila con gran xenerosidade cos visitantes que xa esta tarde se achegaban ata alí e eran recibidos con caramelos e algún agasallo máis.

Este “Nadal diferente” poderá visitarse en Fervenza ata o vindeiro 7 de xaneiro.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button