
A veciñanza de Fervenza (O Barco) volve a unirse, desta volta, con motivo da celebración do Nadal. Dende hai unhas semanas comezaban cos preparativos de adornos, decoración e iluminación para engalanar esta localidade para esas datas tan especiais. Será xa a terceira ocasión na que se xuntan con este fin, se ben era o pasado ano cando o facían máis en serio e, dada a boa acollida que tiña a proposta, decidían continuar.
“Imos reforzar algúns dos elementos do ano pasado e incorporaremos outros ampliando a decoración a máis casas. Tamén ampliaremos a iluminación temos establecidos ata 13 lugares de interese para a xente que se achegue a visitarnos, con máis de 700 m de luces”, adiantan dúas das veciñas organizadoras.
Para os obxectos e elementos de adorno empregan materiais naturais e outros reciclados como, por exemplo, antigas bólas de árbores de Nadal que estaban en mal estado. “Recollémolas, preparámolas e pintámolas a man , tratamos de reciclar o maior material posible”, comentan.
Todo estará listo coa intención de inaugurar o “Nadal de Fervenza” a partir das 18h. do vindeiro 7 de decembro. Con ese fin, moi ilusionadas, as veciñas están a colocar carteis anunciando esta cita para animar á veciñanza do Barco e doutros concellos a visitar esta localidade barquense.
Contan que, tras a grave afectación que sufría Fervenza cos incendios do verán, nun principio había dúbidas sobre se volver a levar a cabo este proxecto polo Nadal. “De feito co lume mesmo estivemos a piques de perder o 90% do material que tiñamos gardado do ano pasado, xa que estaba depositado nun lugar xusto á beira da igrexa, que ardeu”, contan.
Pero, finalmente, as veciñas acordaban continuar e volcarse en decorar a aldea. Por iso, dende a organización agradécese “o apoio da veciñanza e a súa implicación” neste proxecto, no que tamén se conta co apoio do Concello do Barco.