
As Festas de Ourense van incluíndo máis actividades e o público infantil non quedará sen diversión. Así o deixou ver a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, tras avanzar os detalles da programación que irán destinados aos cativos da casa. Teatro, obradoiros, cine e concertos serán algunhas das opcións lúdicas durante os festexos, con entrada de balde.
Por outra banda, Iglesias tamén informou que, tras diversas reunións mantidas cos empresarios das atraccións, acordouse que este ano non se instalarán. “Esta decisión tomárona ao non considerar acaídas as datas das festas”. E é que os festexos celebraranse entre o 25 de xuño e o 3 de xullo, coincidindo coa celebración do San Xoán. “Coinciden cos festexos de San Xoán na zona de Vigo, celebración xa consolidada e que están no calendario de asistencia do sector das atraccións”, detallou a concelleira.
Con respecto á programación das actividades deseñadas polo concello, o calendario é o que segue:
- Domingo 26 e luns 27, sábado 2 e domingo 3 – Río da Vida inclúe teatro, obradoiros, cine mudo con pianista e concertos. Será durante todo o día nos Xardíns do Padre Feijóo.
- Do martes 28 ao venres 1 – Teatro de rúa en Bispo Cesáreo. En quendas de mañá e tarde.
- Do mércores 29 ao venres 1 – Espazo bebés, unha atarcción sensorial para nenos de cero a catro anos de idade baseada no circo e as abellas. En Bispo Cesáreo de mañá e de tarde.
- Domingo 3 – Concerto infantil a cargo de A Gramola Gominola, grupo rock para os máis pequenos. Terá lugar na praza San Martiño ás 20h.
- Sábado 2 e domingo 3 – Sesión vermú, con obradoiros infantís. No bulevar termal a partires das 12:30h.
- Domingo 3 – Concerto con The Furious Monkey House, para rapaces con idades comprendidas entre os nove e os doce anos. Será na Praza Maior con entrada de balde.