
Nadal é sinónimo de solidariedade e, aínda que Valdeorras ten demostrado a súa máis aló destas datas, apoiando iniciativas cando sucede algunha catástrofe (DANA, incendios,…) e tamén a colectivos que axudan en temas sanitarios, é o momento idóneo para organizar actos benéficos.
Así o ven dende a Asociación Cultural Abertal que ten preparado un Festival Benéfico de Nadal para o sábado 20 de decembro ás 19:30 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa a beneficio da Fundación Andrea.
“Todo o recadado irá destinado a este colectivo de apoio aos nenos con enfermidade de longa duración, crónicas ou terminais”, aseguran dende Abertal, destacando que “o importante da entrada é a vontade, o que queira aportar a xente”.
