
O Museo da Infancia e da Interpretación Histórica da Pobra de Trives acollerá durante este outuno a exposición “Fiando soños”, unha mostra moi especial que reúne as creacións da docente e artista téxtil Chelo Diéguez Núñez xunto co seu alumnado en programas de inserción social e laboral. A través destas obras, o arte do fío e da agulla convértese nun instrumento de transformación persoal, empoderamento e oportunidades.
A xornada inaugural celebrarase o sábado 4 de outubro e dará comezo ás 11.00 horas cunha visita ao Museo da Infancia e da Interpretación Histórica. A continuación, ás 12.00 horas, terá lugar a presentación oficial da exposición, que contará coa participación dun representante do Concello da Pobra de Trives, quen dará a benvida institucional, seguida da intervención de Chelo Diéguez, responsable e creadora do proxecto. Durante o acto tamén se renderá unha homenaxe á formadora por parte da asociación Aurora A.C. e pecharase cunha interpretación musical en galego a cargo de Fiuca.
“Hilando soños” reúne catro pezas únicas —Menina Asimétrica (2020), Menina Cúbica (2021), Menina Musical I (2022) e Menina Musical II (2022)— elaboradas como proxectos finais dos cursos de formación para persoas desempregadas, desenvolvidos no marco do Programa de Inserción Muller (PRM) en Elxe e no Centro Psiquiátrico Penitenciario de Fontcalent (Alacant), co apoio de LABORA, o SEPE e a Unión Europea. Estes cursos permitiron que persoas que nunca se aproximaran á costura adquirisen coñecementos técnicos, superasen barreiras persoais e desenvolvesen habilidades que lles abriron novas posibilidades de empregabilidade no ámbito téxtil.
Natural de Castrelo de Piñeiro, na Pobra de Trives, Chelo Diéguez naceu en 1960 e diplomouse en Deseño de Moda e Patronaxe en Bilbao en 1989. Técnica téxtil, especialista en patronaxe industrial e docente, leva anos dedicando a súa traxectoria profesional á formación e á inserción laboral a través do deseño e a costura. Coa doazón desta colección ao Museo da Pobra de Trives no ano 2025, Diéguez quere dar visibilidade ao poder transformador do arte e á importancia da formación como ferramenta de integración social, recoñecendo tamén o esforzo e a creatividade dun alumnado que, a través do fío e a agulla, conseguiu fío a fío construír novas oportunidades de futuro.