
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participaba esta mañá no acto de finalización da primeira fase das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, unha actuación que supuxo un investimento de preto de 3,8 millóns de euros: “Hai que dar servizos e facer a vida un pouco máis sinxela. E este tipo de obras, esta estrada, sen dúbida o fai”, sinalou Rueda.
O titular da Xunta destacou a finalización da primeira fase da intervención da LU-651, que xa está en servizo a falta de pequenos remates, e que permitiu ampliar a plataforma da estrada, rectificar curvas perigosas e dotar a vía de novas cunetas, entre outras actuacións. Enmarcou esta intervención na aposta da Xunta por garantir a mellora e a seguridade das infraestruturas viarias, que este ano dispón dun orzamento de 265 millóns de euros: ”Voume coa sensación de que cumprimos os deberes e de que aínda queda moito por facer”, apuntou Rueda.
Avanzou, tamén, que xa se traballa na seguinte fase do proxecto de mellora da LU-651. Ademais xa está redactado o proxecto de trazado para a construción dun aparcadoiro no inicio da travesía de Seoane do Courel. Por outra parte, a Xunta conta xa cun proxecto aprobado a restitución do tramo afundido polo colapso dunha mina, prevéndose licitar a finais de 2025 ou comezos de 2026 cun orzamento de máis de 5 millóns de euros.