Tras máis dunha semana de cultos (novena, procesión das antorchas, Primeiras Comuñóns, ofrenda floral,…) a Festa na honra da Virxe de Fátima, pechábanse hoxe na parroquia ruesa de Fontei coa procesión da despedida.
Na tarde deste mércores 13 de maio, soleada aínda que fresca, trala misa vespertina presidida por D. Julián Barrio Barrio, arzobispo emérito de Santiago de Compostela, acompañado por varios sacerdotes, entre eles o párroco Daniel Peréz, ás 19 horas saía a comitiva cos nenos que o domingo fixeran a Primeira Comuñón, e seguida por centos de devotos.



Como adoita ser habitual, en varios puntos do percorrido os devotos lanzaba pétalos de rosas ao paso da Virxe. E despois do percorrido polas rúas de Fontei ata a praza Enriqueta Casanova, a imaxe de Fátima era conducida pola Telesforo Ojea, Progreso, Doutor Vila, Miguel de Cervantes, Benito Fernández e Padre Feijóo, ata chegar novamente ao interior da igrexa cos fieis despedíndoa cos panos brancos ata o vindeiro ano, un dos momentos máis emotivos da celebración. Ao rematar, as flores da Virxe eran repartidas entre os asistentes.
O programa deste ano pecharase mañá, xoves 14 de maio, coa misa polos confrades difuntos, ás 20 horas, presidida polo párroco, Daniel Pérez Quintela.



Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.