Multitude de persoas se reunían nesta mañá de 7 de decembro arredor do sequeiro fumeante de Froxán (Folgoso do Courel). Expectantes agardaban ata que, contra as 12h., as castañas íanse sacando no seu interior para depositarse despois nun saco. E a partir de aí comezaba o momento agardado: a pisa.
Hai xa 26 anos que esta aldea do Courel rende homenaxe ao seu pasado ligado aos soutos recreando este antigo labor que lle permitía a veciñanza desfrutar das saborosas castañas secas ao longo do ano. Gastronomía e tradición xúnguense coa música na Festa da Pisa da Castaña Seca de Froxán, que organiza a Asociación Cultural Fonte do Milagro.
Como de costume, comezaba co acendido do sequeiro e almorzo dos pisadores ás 11h. , despois os visitantes podían coñecer o proceso tradicional de secado deste froito de outono. E xa ás 12h. facíase a citada demostración de pisado (coa participación de nenos e adultos) e abandoxado (a seguinte parte do proceso para quitarlle a pel as castañas).

Despois, ás 13:30h. dábase paso ao pregón, a cargo da actriz Mónica Caamaño, que ataviada coas indumentaria dos pisadores, previamente participaba na pisa.

Ao mesmo tempo na contorna do sequeiro instalábase unha mostra de artesanía con multitude de produtos, entre os que non faltaba a gastronomía, ligada ou non ao mundo da castaña, nin tampouco os libros. A feira poderá visitarse ao longo de toda a xornada.
Ademais, ao mediodía podía desfrutarse dun saboroso menú do pisador (cun prezo de 15 euros), a base de castaña cocida, chourizo, panceta e tarta de castañas.

Arredor das 16:30h. retomarase a mostra de pisado e abandoxado na que poderán participar todos aqueles que o desexen. No decurso da demostración sortearanse diversos agasallos.
Entre as numerosas persoas que se achegaban a Froxán non faltaban actores como Quico Cadaval ou o cantautor Emilio Rúa.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.
