CulturaCulturaEntroido 2025Última hora

Fulións, compadres e comadres e queima do Entrudio, na Gudiña

Vén de facerse público o programa do Entroido deste municipio

O Fulión de Carracedo da Serra./ Foto: A.R.

 

A Gudiña prepárase para vivir un Entrudio cunha programación moi diversa que inclúe un obradoiro, desfiles de carrozas, queima do Entrudio e rondas de folións, entre outras propostas. O Entrudio, como se vén facendo con anterioridade e nun esforzo colectivo, é organizado pola AC Os Torgueiros, o Concello da Gudiña, o fulión de Carracedo da Serra, o fulión do Tameirón, a AC Tarabustio de Pentes, máis a colaboración da Comunidade de Montes da Gudiña e da ANPA.

“O Entrudio da Gudiña está a recuperar a súa esencia grazas ao esforzo da veciñanza e das asociacións culturais, que traballan para revitalizar as súas tradicións. Tras anos de perda, a festa volve medrar cun forte apoio colectivo, involucrando parroquias como Pentes, Carracedo e Tameirón. A decisión de celebrar o evento na estación vella responde á necesidade dun espazo máis amplo e accesible, garantindo un Entroido cheo de música, carrozas e identidade cultural”, segundo a Asociación Os Torgueiros.

Ademais preténdese recuperar a figura tradicional do farrampón, que segundo esta asociación, caracterízase “por un traxe de farrapos, composto por roupas vellas, rotas e de materiais reciclados, que simboliza a subversión das normas sociais e a expulsión das malas influencias. Durante as festas, o farrampón persegue e asusta aos veciños, xenerando caos, unha característica común nas celebracións do Entroido galego. Actualmente estase intentando recuperar esta figura tradicional, que forma parte dun patrimonio cultural valioso, pero a tarefa é difícil debido á escaseza demográfica e a falta de interese, o que pon en risco recuperar esta figura. A pesar disto, séguese a loitar por preservar e transmitir a nosa identidade e os rituais propios do noso”.

 

 

Obradoiro de compadres, comadres e elaboración do Intrudio

Data: 9 de febreiro Lugar: Casa da Viúva, 16:30 Organiza: Os Torgueiros, colabora Concello
O obradoiro estará aberto a todos os públicos e idades. As mulleres de Pentes, Carracedo e Tameirón serán as mestras de cerimonias. Ademais, convídase á veciñanza a participar na creación dun intrudio grande e vistoso para o desfile do Entroido.

Entroido en Carracedo da Serra

Datas: 14, 15 e 16 de febrero, Xuntanza de Folións Organiza: Asociación Xuntos Polo Fulión de Carracedo Días e folións:

– 14 de febreiro: Vilamartín e Tameirón, ás 8 da tarde
– 15 de febreiro: Vilariño, ás 6 da tarde
– 16 de febreiro: Fradelo, Trives, Petín e A Veiga, a partir das 12 horas

Entroido na Gudiña

Data: 1 de marzo (sábado de Entroido) Localización: Estación vella Horario:
17:30 – Inicio do desfile de carrozas e fulións de Tameirón e Carracedo desde a explanada do Bruma
Amenización a cargo da charanga Fuego
Fariñada
Discomóbil A Esmorga a partir das 22 horas
Queima do Entrudio
Haberá bar e comida durante toda a tarde e noite.
Concello: prazo de inscrición para carrozas no concello antes do 27 de febreiro.

Entroido no Tameirón

Data: 2 de marzo (domingo de Entroido) a partir das 17:30. Organiza: Fulión do Tameirón. Desfile de folións e carrozas. Queima do Entrudio en Pentes
Data: 4 de marzo

Organiza: Veciñanza e Asociación Tarabustio Ronda a partir das 7 da tarde.

Back to top button