Expourense acollía na mañá deste martes 30 de setembro á a presentación da II edición de Funtastik-Non Limits, un evento que converterá ao recinto feiral de Ourense no maior parque multiaventura de Galicia ofrecendo un universo de experiencias educativas e divertidas para todas as idades. Poderá gozarse desde o 3 ata o 12 de outubro e o prezo da entrada é de 10 euros por persoa e sesión (mañá ou tarde) sendo gratis para os menores de 3 anos. Pode adquirirse en www.ataquilla.com ou no propio recinto.
Esta edición de Funtastik-Non Limits conta co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta a través da Consellería de Educación, que facilitarán a participación nesta actividade de escolares de máis de 40 colexios da provincia.

“Trátase dunha actividade comprometida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a formación e a práctica deportiva da cidadanía, promovendo valores como a sustentabilidade, o consumo responsable, a igualdade e a participación activa”, explicaban na presentación que contou coa presenza do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; do director territorial de Educación, Jorge Rubén Sampedro; do vicepresidente da Deputación, César Fernández; do xerente de Mantesil e promotor da actividade, Berto Fernández Docampo; e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Nesta segunda edición, este evento busca a súa consolidación na axenda de lecer familiar e educativo dos ourensáns. Entre as novidades destaca a área de “Mercar con sentido”, dedicada ao comercio ético, local e consciente, e a Zona de Orientación “Galicia Máxica”, un espazo interactivo que convida a explorar o territorio galego desde unha perspectiva lúdica e formativa. Outra das novidades será o inchable “Extreme Run” de 600 metros ao que se suma a ampliación do gran inchable gymkana do ano pasado. Tamén haberá unha área especifica para os máis pequenos.

A primeira edición celebrouse en outubro do ano pasado e reuniu no recinto a máis de 10.000 visitas.