En portadaÚltima horaVídeos

Fusión de godellos de Godeval e gastronomía coa voz de Martirio, nunha engaiolante VI Velada dos Sentidos

 

Godello de Godeval, unha elaborada gastronomía e cócteles maridados con música nun fermoso e incomparable entorno ao aire libre. Na tarde e noite do 28 de xuño os xardíns da adega Godeval en Xagoaza (O Barco) acollían a sexta edición da “Velada dos Sentidos”. Un cento de persoas, de Valdeorras, pero tamén chegadas dende Santiago, A Coruña ou Madrid, asistían a este evento, que comezaba arredor das 20h.

Esta edición tiña como protagonista a Martirio, acompañada á guitarra por Raúl Rodríguez, que desfrutaban deste evento entre viñedos. No seu decurso podían desfrutarse os godellos Godeval e Cepas Vellas, acompañados dunha serie de deliciosas propostas gastronómicas: táboas de queixos de León cos seus pans e froitas, croquetas de cecina cremosas, Lolipop de chourizo fresco en tempura e o seu alioli, cremoso de foie con chuney de cereixas, mini burguer de tenreira, reineta, canónigo e pemento caramelizado, langostino panko salsa kinchi, bocadiño de bacallau marinado e vinagreta de froitas do Bierzo, mini ensalada de vinagreta de froitas, xamón de pato e queixo de cabra á grella e torreznos de Soria fritidos. E, xa como sobremesa, mini tartaritas de queixo con galleta e chocolate.

 

 

E, xusto nas sobremesas e co solpor, chegaba o momento máis esperado da noite: a actuación de Martirio, presentada pola responsable de Godeval, Araceli Fernández.. Transgresora e tradicional, atrevida e intimista, a música de Martirio, foi sempre ponte entre culturas e soubo fusionar dunha maneira moi persoal copla andaluza, flamenco, bolero, jazz, tango, rock ou guaracha.

 

 

Non faltaba tampouco unha chiscadela a Galicia co tema “Alalá das Mariñas” e, como broche, xa nos bises, a súa coñecida peza “Arreglá, pero informal”, cun público totalmente entregado. Ademais, durante a actuación confesaba que se namoraba do godello de Godeval.

 

 

A velada completábase con música e cos cócteles (Basilicum, Godeval Fizz e Mojito de Café) realizados cos augardentes e licores da destilería de Godeval, coñecidos como Mosteiro de Xagoaza, polo Premio nacional de coctelería e consultor de marcas de destilados Premium, Diego Mosquera.

 

 

Con este tipo de actividades, Godeval quere continuar co seu ciclo de concertos que empezaron no ano 2017 e poder levar á comarca de Valdeorras tanto a artistas que están a despuntar polos seus traballos musicais como, neste caso, a aqueles que xa teñen unha traxectoria avalada polo seu traballo.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

Back to top button