EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

Futuros enxeñeiros de obras públicas coñecen sobre o terreo o sector da lousa en Valdeorras

Estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña completaban un programa de visitas en Carballeda de Valdeorras, acompañados da docente María José Mijares

 

Un grupo de alumnos de terceiro curso do Grao en Enxeñería de Obras Públicas da Universidade da Coruña, no marco da materia Enxeñería do Terreo, visitaba o 8 de abril Valdeorras co obxectivo de coñecer de primeira man, e sobre o terreo, o funcionamento e as características do sector da lousa.

Durante a súa visita, os estudantes estiveron acompañados pola profesora da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da UDC, María José Mijares, quen foi subdirectora xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia. A docente destacou a relevancia este tipo de iniciativas para achegar a realidade industrial ao ámbito académico.

A visita principiaba en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), na sede do Clúster da Pizarra de Galicia, onde eran recibidos polo seu presidente, Eliseo López. Durante o encontro, López ofreceu ao alumnado unha presentación técnica na que puxo en valor as principais características da lousa galega, o seu proceso de formación, así como as súas aplicacións construtivas e a súa relevancia nos mercados internacionais.

 

 

Posteriormente, o grupo desprazouse ata o núcleo de O Trigal, tamén no municipio de Carballeda de Valdeorras, para ver unha nave de elaboración do grupo CUPA, podendo observar de cerca os procesos de selección do material e transformación. A xornada completouse cunha visita á canteira ao ceo aberto Oportuna, de Pizarras Vazfer, situada en Casaio. Alí, os visitantes coñecían as técnicas de extracción e as condicións do xacemento.

“Desde o Clúster da Pizarra de Galicia valoramos moi positivamente visitas como a recibida hoxe, xa que contribúen á formación dos futuros profesionais que desenvolverán a súa actividade no ámbito da obra pública”, sinalaba Eliseo López.

“Estes encontros reforzan o vínculo entre o sector produtivo e o ámbito universitario e axúdannos a poñer en valor a relevancia estratéxica da lousa galega como recurso natural, elemento construtivo de primeira orde e motor económico do territorio”, concluíu o presidente do clúster.

Fotos cedidas.

 

Back to top button