EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Gadis dá voz aos seus produtos locais na nova campaña “Moito que contar”

Con esta nova edición, a empresa 100% galega quere visibilizar as historias que hai detrás dos produtos locais que abastecen os seus lineais e que fai que estes produtos sexan únicos

Cedida.

 

Supermercados Gadis lanza unha segunda edición da campaña de apoio aos produtores locais “Moito Que Contar” co obxectivo de poñer en valor e mostrar o importante labor que desenvolven á hora de abastecer os lineais dos seus establecementos de produtos frescos, saudables e sostibles. “Moito Que Contar” tamén pon o foco en destacar os múltiples beneficios de consumir produto local, tanto para o consumidor, como para a contorna, valores que comparte a empresa 100% galega desde a súa fundación.

Nesta segunda edición acúñase o termo de “A Antemesa”, un momento previo á comida, onde o protagonismo tómano os produtos e a súa historia.

A campaña está formada por oito pezas de vídeo que mostran de primeira man as historias que hai detrás de diferentes produtores de Galicia e Castela e León, entre eles está Daveiga da Ribeira Sacra, en concreto de Chantada. A peculiaridade da mesma atópase en que a voz que narra cada unha das pezas correspóndese ao propio produto que chega ao lineal de Supermercados Gadis: unha leituga, un grelo, unha pescada…

 

 

Cun ton próximo e desenfadado, os diferentes produtos contan como é a súa vida e o seu día a día desde que nacen, ata que chegan ás mesas de cada cliente de Supermercados Gadis. Isto permite ao público ser consciente de todo o esforzo, agarimo e tradición que fai do produto local algo único, engadindo un valor engadido ao seu consumo.

As distintas pezas que confoman a campaña pódense ver en https://muchoquecontar.com/, unha web propia desta edición de “Moito Que Contar” onde tamén se atopa información complementaria.

Compromiso coa contorna e os produtos naturais, frescos e sostibles

A cultura empresarial da compañía favorece a sustentabilidade económica e social dos máis de mil provedores locais de alimentación fresca e artigos elaborados, que abastecen aos Supermercados Gadis con produtos frescos, sostibles e de proximidade. Unha estratexia máis responsable a nivel ambiental, xa que se reducen os roteiros de carga e transporte, e está avalada pola eficacia do sistema loxístico da compañía.

Un dos sinais de identidade de Gadis son as seccións de produto fresco. Potenciando as súas peixarías, carnizaías, frotierías, panaderías e lácteos, está a contribuír a fortalecer distintos sectores produtivos, que son claves na dinamización socioeconómica, principalmente do medio rural, a través da xeración e o mantemento de emprego.

“Traballamos cada día para estar á altura do que os nosos clientes esperan de nós. Queremos que cada visita ao supermercado sexa moito máis que unha compra: unha experiencia próxima, coa atención de profesionais que coñecen e coidan o que fan, e cunha gran variedade de produtos de calidade ao alcance da súa man”, explican desde a empresa.

 

Back to top button