EconomíaEconomíaÚltima hora

Gadis entrega máis de 140.000 quilos de produtos a 12 bancos de alimentos de Galicia e Castela e León

A recadación económica desta acción social ascende a 67.662 €, grazas á solidariedade dos seus clientes

 

Gadis reuniu máis de 140.000 quilos de produtos na 13ª campaña Maio Solidario. É o resultado da xenerosidade dos seus clientes e da achega da propia cadea de supermercados para aumentar o alcance da axuda, que xestionarán doce bancos de alimentos de Galicia e Castela e León.

Os clientes doaron, ademais, 67.662 €, que tamén se repartirán entre as entidades a favor das cales se emprende esta campaña, símbolo da acción social de Gadis, que nace do seu compromiso coas persoas e o benestar da comunidade.

Desde a empresa 100% galega agradecen, un ano máis, a xenerosidade e a implicación dos seus clientes. Consideran que a súa achega é fundamental para axudar a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, compartindo os mesmos valores. Así mesmo, mostraron a súa gratitude pola cooperación do equipo humano e os voluntarios dos bancos de alimentos, claves para alcanzar a meta solidaria.

Maio Solidario desenvolveuse entre o 2 e o 31 do mes pasado en 202 Supermercados Gadis, nos que se estableceron dúas posibilidades de colaboración, a través da recollida de alimentos non perecedoiros ou mediante doazón económica.

Entrega

A directora de Marketing e RSC de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, o director de Comunicación, José Luis Fernández Astray e a coordinadora de RSC, Lucía Santos, realizaron unha entrega simbólica ao presidente do Banco de Alimentos Provincia de A Coruña, Manuel Mora, que se desprazou á sede central da compañía.

As doce entidades que se benefician desta campaña son o Banco de Alimentos Provincia de A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Segovia, Salamanca, Valladolid e Zamora.

Trece anos de solidariedade

Maio Solidario é a acción social de referencia do programa de Responsabilidade Social Corporativa da empresa, no que máis dun 26% das iniciativas pertencen ao ámbito da solidariedade. Esta campaña se leva a cabo de forma ininterrompida desde fai trece anos, tempo no que se reuniron preto de 1,80 millóns de quilos de alimentos e máis de 292.000 €. A axuda contribuíu a mellorar a calidade de vida de miles de fogares que se atopan en situación de vulnerabilidade.

O plan de RSC de GADISA Retail responde aos retos globais do Pacto Mundial de Nacións Unidas, ao que se adheriu hai case 20 anos, e está aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Esta acción atende a tres destes obxectivos: ODS 1 (Fin da Pobreza), ODS 2 (Fame cero), ODS 10 (Redución das desigualdades).

Back to top button