OurenseÚltima hora

Gala de clausura do 29º OUFF: premios e grandes estrelas de cine, con Rodrigo Cortés como Calpurnia de Honra

Entregáronse os galardóns da Sección Oficial Internacional e da Sección Oficial Panorama Galicia, con “Los Destellos” de Pilar Palomero como vencedora da Sección Internacional e “Mes amis espagnois” de Panorama Galicia. Laura González, directora de “Milonga” levou o Premio do Público

 

O Festival de Cine de Ourense chegaba este venres ao seu clume, tras unha intensa semana dedicada á sétima arte na cidade. O certame, que celebrou a súa 29ª edición, converteuse no epicentro do cinema en Galicia entre o 27 de setembro e o 6 de outubro. Con grandes estreas nacionais e internacionais, visitas de grandes cineastas e propostas como OUFF Lab, OUFF Game Awards ou Fas Muvis e Fas Curtas, estas dúas últimas destinadas a apoiar a novos creadores.

Ademais, o programa completábase con encontros literarios, concertos -entre o que destacou a Xove Orquestra Ourensanía- e exposicións fotográficas de Manuel Outumuro ou Brais Lorenzo. Unha programación completa que mostra a diversidade do audiovisual e destaca á provincia de Ourense como un lugar onde se constrúe e desenvolve ano tras ano historia do cinema, polas propostas que aquí chegan e por ser un territorio predilecto de grandes cineastas como lugar de rodaxe.

A gala de clausura foi o inicio da recta final, que se completará mañá coa gala de Fas Curtas, Fas Muvis e Game Awards no Teatro Principal e o domingo coa proxección das películas gañadoras do certame oficial. Na noite do venres os protagonistas foron os filmes que se mostraron durante esta edición nas distintas salas da cidade, tanto da Sección Oficial Internacional como da Sección Oficial Panorama Galicia. Depois de anunciar o xoves o palmarés chegou o momento de recoller os premios e festexar o cinema nunha ceremonia na que a artista galega Guadi Galego foi a encargada de dar a nota musical. Ademáis, ao finalizar a gala proxectouse o filme Marco.

 

 

As actrices Mariana Carballal e Isabel Blanco foron as mestras dunha ceremonia na que se repartiron ata 15 galardóns, contando coa gran Calpurnia de Honra, que este ano foi para o director Rodrigo Cortés. Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, entregou o galardón ao cineasta, que lembrou as súas orixes galegas. O Premio Chano Piñeiro desta edición foi para a produtora galega Andrea Álvarez e entregouno a presidenta da Fundación Carlos Velo -organizadora do festival- Carmen Leyte.

 

 

O talento e a valentía de cineastas nacionais e internacionais, recoñecidos na gala

Dentro da competición oficial de filmes, a gran protagonista da noite foi Los Destellos, película de Pilar Palomero que se ergueu coa Calpurnia á Mellor Película. A directora enviou unhas palabras de agradecimiento ao festival e Marina Guerola, actriz da longametraxe, recolleu o premio das mans de Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. Guerola tamén recibiu unha mención especial polo seu traballo na película, que é a súa estrea como intérprete. Na Sección Oficial Panorama Galicia o gañador do Premio Xacobeo a Mellor Película foi Mes amis espagnois, unha aportación pioneira da emigración galega da man do director Adien Bordone.

 

 

Unha das sorpresas da noite foi o Premio do Público. Depois dunha semana votando ao rematar cada proxección da Sección Oficial Internacional o veredicto final destacou a película Milonga, da directora de uruguaia Laura González. A directora, presente na gala, recolleu o premio emocionada, xa que Milonga, unha historia de amor na madurez, é a súa ópera prima. Manuel Pardo, delegado da Xunta de Galicia en Ourense, entregou o premio. Tamén se coñeceu a gañadora do recoñecemento que outorga CIMA en cada edición, que este ano foi para Area Erina, directora de Aurora. Un filme que tamén levou o recoñecemento de Mellor Interpretación da súa sección, polo papel da protagonista, Aurora Álvarez. José Luis Rodríguez, de Corporación Hijos de Rivera, entregou o recoñecemento.

Na Sección Oficial Internacional, o Premio do Xurado, foi para Levan Akin, o director sueco que firma Crossing. Entregou este premio Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia. O Premio Carlos Velo á Mellor Dirección foi para as directoras Astrid Rondero e Fernanda Valadez por Sujo, unha película mexicana que narra a historia dun neno de 4 anos fillo dun sicario asasinado. Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, facía entrega do galardón. Mongrel, ópera prima do taiwanés Wei Liang Chiang, recibiu o Mellor Guión, premio entregado por Luis Avilés, presidente do xurado internacional. O filme tamén remata o certame cunha mención especial en Fotografía. Na categoría de Guión recibiu tamén unha mención especial La luz que imaginamos -da directora india Payal Kapadia, que entregou Marcos Vila, do Centro Comercial Ponte Vella.

O galardón de Mellor Interpretación foi para o protagonista do filme portugués O bêbado -do cineasta André Marqué-. O xurado valorou así o traballo de Vítor Roriz, quen non puido acudir á gala, polo que recolleu no seu lugar o premio Ina Esanu, coprotagonista do filme. O premio entregouno Dolores Meijomín, en representación de AGADIC.

O documental, xénero triunfador en Panorama Galicia

O xénero documental protagonizou o palmarés da Sección Oficial Panorama Galicia. Por unha banda co citado Mes amis espagnois, pero tamén no Premio Ourense Film Commision a Mellor Dirección, que foi para Emilio Fonseca polo seu traballo en Salvaxe, Salvaxe, sobre as aparicións e ausencias do lobo ibérico. Un galardón do que fixo entrega Rosa Neira, de Abanca. Paisaje épico, de Valeria Roig, levou o Premio a Mellor Guión, das mans de César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense.

Fotos: O SIL.

Back to top button