CulturaCulturaÚltima hora

Galicia acollerá a celebración do I Congreso Internacional de Estudos sobre as Peregrinacións do Xacobeo 202

O director de Turismo de Galicia e o comisario do Xacobeo 2027 participaban na reunión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago

 

O director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, xunto co comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez, participaban na mañá deste luns 27 de xullo na reunión do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, para avanzar na “organización do I Congreso Internacional de Estudos sobre as Peregrinacións, unha das principais iniciativas académicas deste órgano dentro do programa do Xacobeo 2027.

Durante a sesión, que tiña lugar na sede do Consello Económico e Social de Galicia, abordáronse cuestións de carácter organizativo e científico relativas a este encontro internacional, que se celebrará en Santiago de Compostela no mes de maio de 2027 baixo o lema ‘O futuro da peregrinación: camiños en transformación’. A cita reunirá investigadores, académicos e especialistas de diferentes países para reflexionar sobre a evolución das peregrinacións desde unha perspectiva histórica, cultural, patrimonial, espiritual e social.

 

 

Segundo apuntou Xosé M. Merelles, “a organización deste congreso chega nun momento de especial dinamismo para o Camiño de Santiago e terá lugar en pleno Xacobeo 2027”. No que vai de 2026, máis de 290.000 peregrinos recolleron a Compostela, o que supón un incremento do 3% respecto ao mesmo período de 2025. “Esta evolución confirma a consolidación do fenómeno xacobeo e reforza a importancia de promover espazos de reflexión sobre as oportunidades das peregrinacións no ámbito internacional”, destacou.

“Os datos tamén evidencian a progresiva diversificación das rutas”, subliñou, apuntando que o Camiño Francés continúa a ser o itinerario máis transitado e representa algo máis do 43% das peregrinacións, mentres que o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa concentran arredor do 20% cada un. Precisamente, este último rexistra o maior ritmo de crecemento, cun incremento do 21% respecto ao ano anterior.

Referíndose ao papel do Comité Internacional de Expertos, o director de Turismo referiuse a el coma o órgano de referencia para a planificación das políticas públicas relacionadas co Camiño de Santiago e un garante de que estas conten cunha base científica, histórica e cultural sólida. Así mesmo, subliñou a dimensión internacional deste órgano consultivo ao sinalar que “a composición do Comité de Expertos favorece a conexión de Galicia coas principais redes académicas xacobeas e contribúe a reforzar a consideración do Camiño como fenómeno cultural de dimensión mundial”.

 

 

Un foro internacional sobre o futuro das peregrinacións

Ao longo de tres xornadas desenvolveranse conferencias plenarias impartidas por especialistas de prestixio internacional e sesións paralelas abertas á participación da comunidade investigadora. O programa afondará en cuestións como a historia, a espiritualidade, o patrimonio cultural, a identidade, a diversidade, a sustentabilidade, a inclusión, a paisaxe e os retos de futuro das peregrinacións.

Ademais, terá unha especial significación ao coincidir co 40º aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa (1987-2027), efeméride que reforza a dimensión internacional da ruta xacobea.

Dúas novas publicacións

No marco da xornada, presentáronse máis tarde na sede do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, dúas novas publicacións promovidas polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e Turismo de Galicia: o primeiro volume do número XVII da revista científica Ad Limina, titulado ‘Iacobus Harmonicus: Santiago, Compostela y la música’, coordinado polo musicólogo Philippe Picone, e o libro ‘Mil veces a Compostela. Peregrinos da Idade Media’, da historiadora Adeline Rucquoi, traducido ao castelán e editado por Turismo de Galicia.

 

 

Merelles destacou que “a investigación e a divulgación científica son piares fundamentais para seguir fortalecendo o prestixio internacional do Camiño de Santiago”. Nesa liña, sinalou que “publicacións como Ad Limina e obras de referencia como ‘Mil veces a Compostela’ contribúen a preservar, actualizar e difundir o coñecemento sobre o fenómeno xacobeo, facendo accesible ese legado ao conxunto da sociedade”.

O novo volume de Ad Limina reúne sete investigacións de especialistas internacionais dedicadas á música xacobea, desde o Códice Calixtino ata a música barroca do Virreinato do Perú inspirada na figura do Apóstolo, mentres que o libro de Adeline Rucquoi ofrece un amplo percorrido pola peregrinación compostelá na Idade Media, situando os peregrinos como protagonistas da historia xacobea.

 

Back to top button