DeportesÚltima hora

Galicia acollerá a saída oficial de “La Vuelta” 2027

Pelotón de “La Vuelta” 2025 saíndo do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Galicia acollerá a Saída Oficial de La Vuelta 27, que arrincará cunha etapa en liña con saída en Santiago de Compostela. O anuncio facíase na mañá deste domingo 13 de setembro, antes da saída da etapa 21 de La Vuelta 26, nun acto celebrado no Punto de Encontro. O evento contou coa presenza de Javier Guillén, director xeneral da Volta, e Marcos Gómez, comisario do Ano Santo Xacobeo.

A comunidade galega volverá así ser protagonista da carreira, que iniciará por novena vez o seu percorrido en territorio galego, tras acoller a saída da carreira por primeira vez en 1965 e por última en 2016.

 

 

Marcos Gómez Román celebrou a decisión adoptada pola organización do evento e subliñou que esta formará parte da programación do Xacobeo 2027 conformada por unha axenda dirixida a todos os públicos e que situará Galicia no punto de mira para milleiros de peregrinos e visitantes.

O comisario do Xacobeo 2027 asistiu en Granada á última etapa e á entrega de premios da 81ª edición de La Vuelta 2026, unha proba patrocinada por Turismo de Galicia. A súa presenza permitiu destacar a estreita relación de Galicia coa proba ciclista e o potencial dun evento internacional para asociar a súa imaxe cos recursos turísticos e patrimoniais do destino galego. Entre as accións de colaboración, inclúese o apoio do maillot branco que recoñece o ciclista menor de 26 anos mellor situado na clasificación xeral.

Galicia mantén unha longa e estreita vinculación con La Vuelta. O territorio acolleu, ata a edición de 2025, 93 saídas e 82 metas de etapa, ademais de ser saída oficial da carreira en oito ocasións. Unha traxectoria que contribuíu a levar a diferentes puntos da contorna galega a atención de milleiros de espectadores e medios de comunicación que contribúen a proxectar internacionalmente a súa imaxe.

Este ano, La Vuelta percorreu durante 21 etapas un total de 3.275 quilómetros por Mónaco, Francia, Andorra e España. Neste sentido, a presenza do comisario do Xacobeo 2027 en Granada enmárcase nos traballos de preparación do próximo Ano Santo e na estratexia de reforzar a súa dimensión internacional, aproveitando grandes eventos deportivos para continuar posicionando Galicia como un destino ligado ao patrimonio, á natureza e o turismo activo.

 

Back to top button