CulturaCulturaÚltima hora

Gargallada abrirá con “García, un cadáver informal” o XV Festival de Teatro Entreculturas de Verín o 7 de novembro

A iniciativa, organizada por La Caja de Pandora coa colaboración do Concello de Verín, ofrecerá unha programación que combina comedia, sátira, teatro social e historias inspiradas na tradición galega

Unha das escenas de “Garcia, un cadáver informal” de Gargallada Teatro./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

A programación comezará o sábado 7 de novembro coa representación de «García, un cadáver informal», a cargo da compañía valdeorresa Gargallada Teatro abrirá o XV Festival de Teatro Entreculturas, no Auditorio de Verín . Trátase dunha comedia «tele-radiofónica» baseada na obra El cadáver del señor García, de Enrique Jardiel Poncela, e dirixida por Manuel Caramés.

A historia arranca cando no intre no que unha parella celebra o seu próximo matrimonio, un inesperado suceso altera por completo a tranquilidade da casa. A partir dese momento, unha sucesión de situacións absurdas, personaxes peculiares e diálogos disparatados dá forma a unha comedia de enredos cun sorprendente desenlace.

O domingo 8 de novembro será a quenda de «Muros rotos», da compañía Oreteiro Teatro. A obra narra o encontro de dúas mulleres de distintas xeracións que foxen das súas vidas: unha abandona o fogar no día do aniversario da súa filla e a outra escapa dunha residencia na que non se sente acollida. Entre lembranzas, confesións, humor e dor, nace unha complicidade que as impulsa a cuestionar as renuncias e os papeis que lles foron impostos. Unha proposta sobre a valentía de romper co establecido, o medo á liberdade e a posibilidade de escoller outro rumbo, mesmo cando parece demasiado tarde

O festival continuará o domingo 15 de novembro coa agrupación teatral Silvardeiras, que presentará «Tal carro vai como estadullos leva», unha montaxe integrada por dez escenas, algunhas inspiradas en relatos do libro Instrucións para tomar café, de Manuel Núñez Singala, e outras de creación propia. A través de situacións cotiás, conflitos veciñais, costumes e comportamentos humanos, a obra constrúe unha sucesión de historias nas que o humor e a retranca galega ocupan un lugar protagonista.

O sábado 21 de novembro, Coles-Teatro levará ao escenario «Pepa Loba», unha obra escrita e dirixida por Matilde Vázquez que recupera a figura lendaria da bandoleira galega do século XIX. A través dunha proposta en clave de traxicomedia, a representación percorre a historia desta muller, coñecida popularmente como a Robin Hood galega, que, segundo a lenda, desafiaba os poderosos e repartía entre os máis desfavorecidos parte do que conseguía nos seus asaltos. A montaxe incorpora música tradicional galega en directo e achega ao público unha figura singular do imaxinario popular.

O domingo 22 de novembro chegará «Tarascones», unha obra do dramaturgo arxentino Gonzalo Demaría, presentada por Sofá Malva. Esta comedia negra, escrita integramente en verso, reúne catro mulleres de clase alta cuxa aparentemente tranquila tarde de té se transforma nun auténtico caos tras a morte do can da anfitrioa. A través do absurdo, a ironía e unha sucesión de acusacións, a peza constrúe unha sátira sobre a hipocrisía, os prexuízos e as aparencias sociais.

Finalmente, o sábado 28 de novembro, o festival despedirase coa representación de «Ai Pedro». A obra presenta a historia de Pedro, un home que deixa escrito que, cando morra, non quere cerimonias de pésame, flores nin rezos, e que a súa morte só se comunique despois do enterro. O cumprimento desta última vontade converterase nunha tarefa especialmente complicada para a súa viúva, que deberá enfrontarse á intromisión de familiares dispostos a complicar aínda máis a situación. Unha proposta que combina humor e reflexión arredor das convencións sociais e familiares.

Horarios e entradas

Todas as representacións terán lugar no Auditorio Municipal de Verín ás 19:30 horas, cunha achega de 5 euros por función. As entradas poderán adquirirse de maneira anticipada no establecemento Carlin de Verín.

Coa celebración desta nova edición, La Caja de Pandora continúa impulsando unha iniciativa que contribúe á difusión das artes escénicas e á dinamización da actividade cultural da vila.

O Concello de Verín, como entidade colaboradora, reafirma o seu apoio ás iniciativas culturais promovidas polo tecido asociativo local, que permiten ampliar a oferta de lecer e facilitar o acceso da cidadanía a diferentes expresións artísticas.

Programación completa

  • Sábado 7 de novembro: «García, un cadáver informal» — Gargallada Teatro.
  • Domingo 8 de novembro: «Muros rotos» — Oreteiro Teatro.
  • Domingo 15 de novembro: «Tal carro vai como estadullos leva» — Agrupación Teatral Silvardeiras.
  • Sábado 21 de novembro: «Pepa Loba» — Coles-Teatro.
  • Domingo 22 de novembro: «Tarascones» — Sofá Malva.
  • Sábado 28 de novembro: «Ai Pedro».

 

Lugar: Auditorio Municipal de Verín.

Hora: 19:30 h.

Achega: 5 euros por representación.

Back to top button