CulturaCulturaÚltima hora

Gargallada, o escenario como paixón

Unha volta pola historia do grupo no seu 18 aniversario

 

O grupo teatral Gargallada constituíuse legalmente co nome de Asociación Cultural para a Promoción das Artes Escénicas “Gargallada”, formaron a primeira xunta directiva Nuria Menéndez, Manuel Caramés e Reyes Limia como presidenta, a acta fundacional asínase no café Veira Sil do Barco o 25 de novembro de 2006. Están pois de aniversario: cumpren dezaoito anos, a maioría de idade. O 11 de xuño dese mesmo ano fora inaugurado o Teatro Municipal Lauro Olmo, logo de dous anos de obras para a transformación da antiga Casa da Cultura. Aquí terá Gargallada o espazo acaído para as súas estreas, un contedor, deseñado e ben dotado, para as artes escénicas e a vida cultural na comarca.

Dezaoito anos é a idade legal, á real habería que lle sumar tres máis: En 2003 e por iniciativa municipal crease un obradoiro de teatro, diríxeo Pilar Alonso (actriz que reside no Barco) e levan a cabo as representacións de Os Escravos de Plauto (2004) e Lonxe (2005) achega poética e musical á obra de Lorenzo Varela, homenaxeado nas Letras Galegas daquel ano.

 

Gargallada na obra “Os pecados capitais”.

 

En marzo de 2009, xa coa marca Gargallada, estréase Os pecados capitais, unha obra de cadros cómicos creada polo propio grupo partindo de textos de Ionesco, Harold Pinter, Molière, Manuel Caramés, Blanco Amor e Valentín Alvite. Foron dirixidos pola actriz madrileña Fany Condado e por Manuel Caramés, que debuta aquí no rol que vai asumir, por veces de xeito compartido, na maior parte dos espectáculos do grupo. Cos mesmos directores montan o ano seguinte a divertidísima A abraiante vida de Braian (2010), adaptación do guión do filme Life of Brian (1979) dos cómicos ingleses Monty Python, unha farsa irreverente sobre a vida de Cristo. En xaneiro de 2012 estrean Non me chames cariño se non o sentes, arredor das relacións de parella, adaptando textos de Jaime Salom e J.L Alonso de Santos, unha peza para doce actores dirixidos por César Goldi e por Manuel Caramés.

 

“A abraiante vida de Braian”.

 

Nestas primeiras montaxes o grupo desprega un elenco numeroso que expresa, malia a inexperiencia, a ilusión e o devezo de quen bota a andar no esixente mundo da interpretación. Asemade apóianse para a dirección en persoas do teatro profesional e advírtese xa a aposta do colectivo por un humor intelixente, afastado da simpleza e da chafallada, que vai ser un dos seus sinais de identidade e unha das liñas de traballo en todos estes anos.

 

“Non me chames cariño se non o sentes”.

 

A partir dese ano 2012 a actividade de Gargallada Teatro vai diversificarse, algo bastante normal e incluso desexable, tendo en conta a dificultade para crear producións moi numerosas e para harmonizar os distintos gustos, intereses e niveis de compromiso. Así foi como Gabriel Prada afronta en solitario (interpreta e diríxese a si mesmo) o monólogo de Samuel Beckett A última cinta de Krapp (2012), unha alegoría sobre o paso do tempo. Crecido ante as dificultades en xullo dese mesmo ano escribe e interpreta Quimera, baixo a dirección de Paco González, actor valdeorrés afincado en Alemaña e con grande experiencia no teatro de máscaras. Quimera, a historia dun clown soñador e sentimental, é teatro xestual resolto con eficacia que conecta co público de calquera idade, con ela xira por moitas localidades e participa en catro festivais internacionais (1). En outubro de 2014, Gabriel crea, interpreta e dirixe, con Ana María Fernández como directora artística, Estación Sombrío, unha reflexión sobre o fascismo en homenaxe a Paco González, retirado da escena por unha grave enfermidade.

 

C. Krapp.

 

“Quimera”.

 

“Estación sombrío”.

 

En agosto de 2012, outra das actrices do grupo, Silvia Cuesta, vai dirixir Cincenta: teatro on the rock, unha adaptación musical do clásico conto dos Irmáns Grimm a partir da idea de DeRisa Producciones. Sandra Méndez, a actriz protagonista, resolve con xeito a conexión co público neste musical que supuxo a incursión de Gargallada no teatro infantil e cuxa banda sonora foi creada expresamente por músicos da comarca.

 

“Cincenta: teatro on the rock”.

 

Outro fito na traxectoria do grupo de teatro valdeorrés foi a montaxe dunha commedia dell’arte, malia as dificultades que comporta este xénero. Tratouse da adaptación de “Commedia: un xoguete para Goldoni” de Cándido Pazó, que estrearon co título de O anel máxico (2013), con dirección artística de Paulo Serantes, Xavier Ramilo e Tito Asorey e dirección de Manuel Caramés. Os sucesivos cursos, obradoiros e master class recibidos polos actores de Gargallada tiñan dado resultados moi apreciables, neste enredo arlequinesco hai un bo nivel de interpretación, un ritmo moi vivo e moito coidado no detalle do vestiario, as máscaras ou a escenografía, creada por Luís Enrique Rodríguez “Coquixo” cun pano de fondo representando a praza Maior do Barco. A obra foi seleccionada en 2015 para representar a Galicia no Festival Internacional de Teatro Amateur “Fronteirizos”, organizado polas federacións de Castilla y León, Galicia e Norte de Portugal.

 

“O anel máxico”.

 

Nese afán aberto e diverso do que falabamos antes, Fran Fernández, outra das actrices do grupo, dirixe Lurpias (2015) un cabaret escrito por Nelson Quinteiro, especialista neste tipo de espectáculos, que tamén fixo de director artístico. As protagonistas van ser seis mulleres que actúan con graza, picardía e desenvoltura.

 

“Lurpias”.

 

Cara o verán dese mesmo ano Roi Vidal Ponte (poeta, dramaturgo e músico compostelán) dirixe Operación Triunfo, unha dramaturxia creada con textos de Alfred Jarry, Anxo Pérez Agibay, Jaco Van Dormael, Jonathan Swift, Rodrigo García, Roland Topor, Slavoj Zizek, Vicente Risco e X.L. Conde. Resultou ser unha proposta híbrida, crítica, moi contemporánea e con chiscadelas ao esperpento.

 

“Fuga”.

 

Se hai un espectáculo que supón un antes e un despois na historia de Gargallada este é Fuga (2015), adaptación da comedia homónima do laureado autor catalán Jordi Galcerán, un texto magnífico ao que os seus directores, Pilar Alonso e Manuel Caramés, conseguen sacarlle partido coa sólida interpretación dun elenco que xa arrastra, nesta altura, unha boa dose de sintonía e experiencia. Con Fuga, Gargallada realiza moitísimas e exitosas representacións e participa en Festivais de teatro afeccionado de toda España, acadando numerosos premios e recoñecementos. (2)

 

“Polos camiños do tempo”.

 

En setembro de 2017 Gargallada, por encargo do Concello do Barco, debuta no teatro de rúa representando Polos camiños do tempo, historias teatralizadas por Gustavo Docampo en escenas que se suceden entre a praza Maior e a Casa Grande de Viloira, nun percorrido que fai referencia a varios episodios e personaxes da historia local. Foi dirixida polo berciano José Luís García Alejandre.

 

“O xogo de Versalles”.

 

Animados polo éxito de Fuga, que aínda mantiñan en repertorio, en 2018 decídense co mesmo elenco por unha comedia de época: O xogo de Versalles, versión libre de “El idiota de Versalles” do dramaturgo andaluz Chema Cardeña, unha peza inspirada no teatro de Molière sobre miserias e intrigas na corte de Luís XIV, codirixen Manuel Caramés e Tito Asorey, un dos directores máis recoñecidos do teatro galego. O resultado foi máis que correcto, porén tocoulles o tempo da pandemia o que había de limitar a súa xira e percorrido polos certames, sen esquecer que o listón quedara tan alto con Fuga, que este “xogo” ía ter unha menor repercusión da que realmente merecía.

 

“Un desastre de función”.

 

Con Un desastre de función (2021) Gargallada produce unha comedia, radical e disparatada, para o mesmo grupo de actores (ao que se suma Paco Campos en substitución de Lalo Santos) e o habitual equipo técnico: Coquixo no espazo escénico e Vanesa Yáñez na iluminación e son. A historia resulta hilarante de principio a fin, sen darlle tregua ao espectador. Está baseada en “The play that goes wrong” dos ingleses H. Lewis, J. Sayer e H. Shields. A dirección volve a ser compartida: Caramés e César Goldi, actor de grande prestixio na escena do país e estreitamente ligado ao grupo valdeorrés. O espectáculo presenta un alto nivel na interpretación e unha atractiva posta en escena, a escenografía en branco e negro, como o vestiario, resultan sumamente acaídas á zarracina que se monta no escenario e semellan unha homenaxe ás películas do cine mudo. Con este “desastre” volveron os premios a embute. (3)

 

“Pardais e falcóns”.

 

En setembro de 2022 Gargallada enfróntase de novo á historia local, usando o teatro como ferramenta para sabermos algo máis de onde vimos. Pardais e falcóns, producida polo Concello do Barco e a Deputación de Ourense, é unha obra de Gustavo Docampo que adapta e dirixe Manuel Caramés para un elenco numeroso formado con actores de distintas localidades da comarca, algúns deles era a súa primeira actuación co grupo. As dúas únicas representacións son, ao aire libre, na praza da fortaleza da Vila do Castro, o mesmo lugar onde transcorreran varias das dez escenas que compoñen a peza.

 

“Crónica dun pobo”.

 

Con parte dos actores debutantes na obra anterior e os habituais da compañía, un ano máis tarde levan a cabo Crónica dun pobo (2023), versión e adaptación de textos de Miguel Gila sobre a guerra civil e a ditadura, un alegato pacifista e libertario que toca a emoción sen que o humor estea ausente. Unha vez máis dirixe con acerto Manuel Caramés, cerebro e motor do grupo. Esta peza foi seleccionada para participar no Festival Agustín Magán de 2024 no Teatro Principal da capital de Galicia.

 

“Alimañas”.

 

A última das producións que leva o selo de Gargallada é Alimañas (2024), estreada o pasado 1 de novembro coa maior parte do reparto habitual (Aurora Fernández, Manuel Caramés, Reyes Limia, Manuel González, Carmen Hernández e Álvaro Baños) ao que se suma Xosé Luís Conde. É unha historia de humor negro sobre xente do teatro vida a menos aos que intentarán enganar uns especuladores inmobiliarios. Está baseada no guión cinematográfico dos axentinos José Martínez Suárez e Augusto Giustozzi, logo adaptado por Juan José Campanella. A dirección volve ser dual: César Goldi e Manuel Caramés e está chamada a darlle ao grupo moitos momentos de gloria aló onde vaia ser representada.

En todos estes anos, Gargallada Teatro, formando parte da Federación Galega de Teatro Afeccionado e de Escena Amateur, ten participado tamén en actuacións e ciclos por localidades de toda Galicia e da veciña comarca do Bierzo, asemade foi seleccionada en varias ocasións para o Festival Agustín Magán que acolle anualmente as mellores montaxes do teatro amador en Galicia.

O seu compromiso e implicación na vida local maniféstase en colaboracións con proxectos culturais da Concellaría de Cultura do Barco como Cantarenas e Cantares (2013), un achegamento poético musical a Rosalía de Castro e Florencio Delgado Gurriarán, dirixido por Pilar Alonso; O Neno do Sil (2014) en homenaxe a Lauro Olmo, no 20 aniversario da súa morte, tamén coa dirección de Pilar Alonso; A Ponte Afogada (2019), lembranza dramatizada no sesenta aniversario da caída da ponte de San Fernando en 1959, baixo a dirección de Pilar Alonso e Manuel Caramés; desde o ano 2018 dirixen, no marco do Entroido, o Enterro da Sardiña. Finalmente, en colaboración co Centro Comercial Aberto, realizan talleres teatrais no Barco e na Rúa nos anos 2009 e 2010 e Teatro de Escaparate en 2012.

A actividade teatral é esixente en esforzo e adicación, se é feita por amor á arte aínda máis. Manter dezaoito anos un grupo humano, vivo e dinámico, polo que teñen pasado medio cento de persoas, xerando máis de vinte creacións para a escena, levando a cabo máis de cento trinta representacións, creando sinerxías coa sociedade local arredor de proxectos culturais é algo realmente admirable que merece o respecto e os parabéns da comunidade.

 

Notas

(1)       Festival Internacional de Teatro Afeccionado de Oujda (Marrocos), no 2016, con mención especial ao actor protagonista (Gabriel Prada). Festival Internacional de Teatro Afeccionado de Fez (Marrocos), no 2016. Festival Internacional Susana Alexander en Puebla (México), no 2017. 50 Festival Internacional de teatro Amateur de Mostaganem (Arxelia), no 2017.

(2)       Mostra de Teatro Afeccionado de Zas (A Coruña), en 2015, premios ao mellor actor principal (Lalo Santos) e á mellor obra. III Certamen de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá (Lugo), en 2018, premio do xurado á mellor representación e premio ao mellor actor de reparto (Manuel Caramés). XII Certamen Nacional de Teatro Aficionado “Villa de Fuensalida” (Toledo), en 2016, pemios á mellor actriz principal (Reyes Limia) e ao mellor actor de reparto (Manuel Caramés). XXI Festival de Teatro Aficionado de Rivas Vaciamadrid (Madrid), en 2016, premio do público á mellor obra. X Festival de Teatro Amateur Alegría/Dulantzi (Álava), en 2016, premio á mellor actriz principal (Reyes Limia). X Certamen Nacional de Teatro de Guardo (Palencia), en 2017, premios á mellor actríz principal (Reyes Limia) e á mellor actríz de reparto (Aurora Fernández). XXIV Certamen Nacional de Teatro Aficionado del Camino de Santiago, en 2017, premio especial do público. XIII Mostra de Teatro Afeccionado de Sada (A Coruña), ano 2017, premios ao mellor actor (Lalo Santos), á mellor actriz (Reyes Limia) e ao mellor espectáculo.

(3)       Mostra de Teatro Afeccionado de Zas (A Coruña), 2022, premio á mellor obra e premio especial do público. Mostra de Teatro Terras do Orcellón de Carballiño (Ourense), 2022, premio do xurado á mellor representación. XXIV Certamen de Teatro Aficionado Ciudad de Benavente, 2023, premio á mellor actriz de reparto e o segundo premio a xuizo do xurado e do público. XXVII Festival de Teatro Aficionado de Rivas Vaciamadrid, 2022, premios do xurado á mellor representación e á mellor montaxe. XVI Festival de Teatro Amateur Alegría/Dulantzi (Álava), 2022, premios do xurado á mellor representación e á mellor montaxe e premios ao mellor actor de reparto (Paco Campos) e mellor actriz de reparto (Reyes Limia). XIII Certamen Nacional de Teatro de Guardo (Palencia), 2024, premio á mellor montaxe. XXI Certamen de Teatro Afeccionado de Valdemorillo (Madrid), 2022. premio do público e premio do xurado á mellor montaxe. XVII Festival de Teatro Aficionado “Viaje al Parnaso” de Argamasilla de Alba (Ciudad Real) , 2023, premio do xurado e premio do público á mellor representación e premio ao mellor actor protagonista (Paco Campos).

 

Texto: Gustavo Docampo.

Fotos: Gargallada Teatro

Back to top button