ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Germán García-Ávila: “Acordouse que a Deputación contratará a unha empresa para empezar a retirada de escombros”

O alcalde de Viana do Bolo agradece a receptividade da Xunta e da Deputación ás súas propostas, pero lamenta que se tardase dez días nos que poboación de varias aldeas sufriu esta grave problemática

O alcalde de Viana do Bolo, Germa Garcia-Avila, na Bouza./ Cedida.

 

Despois da xuntanza que tiña lugar na mañá deste luns entre representantes da Xunta de Galicia e das Deputacións Ourense e Lugo e os alcaldes das zonas afectadas polas tormentas e os arrastres do pasado 17 de xuño, Germán García-Ávila, alcalde de Viana do Bolo, facía un balance positivo do encontro. “Saio moi satisfeito do encontro mantido”, indica o rexedor, quen expresaba na reunión que era a administración galega, xunto coa Deputación de Ourense, “as que tiñan que facerse cargo da contratación de empresas para retirar urxentemente os residuos da Bouza e de Pixeiros, para que iso permita un desenvolvemento da vida cotiá dos cidadáns desas aldeas”.

Esa mesma tese volvía plantexala nunha posterior reunión na que só participaba o rexedor vianés co resto dos representantes das administracións galega e provincial. “Plantexeilles que tiñan que encargarse non só da parte económica, senón de xestionar á empresa que podía retirar eses escombros porque, ao mesmo tempo, así eles podían controlar o depósito nas zonas comunais que temos habilitadas e reclasificar, se era necesario, os escombros alí acumulados. E ao final chegamos a un acordo, aceptaron a miña tese, o cal agradezo profundamente. E o acordo ao que se chegou é que a Deputación contrata a unha empresa, que vai empezar a acometer a retirada. Primeiro, a retirada de todos os residuos acumulados na Bouza que permita o acceso dos veciños ás súas vivendas e comezar, máis ou menos, a facer a súa vida cotiá e niso estamos”.

Esta tarde o alcalde tiña previsto reunirse coa veciñanza da Bouza para explicarlles a situación de cara a comezar a retirada de cascallos. Aínda así, o rexedor de Viana do Bolo lamenta que este acordo ao que se chegaba “en pouco máis de dúas horas de discusión, non se tivera tomado antes e non esperar dez días nos que a poboación sufriu este problema tan grave, tanto no desenvolvemento normal das súas vidas como o problema de insalubridade que se estaba producindo na aldea da Bouza”.

Germán García-Ávila insiste en que celebra o acordo tomado e expresaba o seu agradecemento á Xunta e á Deputación de Ourense “por ser receptivos ás teses que lle plantexei. Agora só resta facelo o máis rapidamente posible e logo queda para máis adiante a valoración de danos, outras causas e, por suposto, a consideración que pode haber da declaración de emerxencia que foi solicitada polo Concello de Viana”.

Back to top button