
A adega barquense Godeval, pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras, inicia hoxe, día 25 de agosto, unha nova campaña nos viñedos de Liebres e Pancho. Esta será o seu trixésimo novena vendima “e unha das que non se esquecerán en moito tempo, polos incendios que axexaron a adega e dos que nos salvamos grazas aos voluntarios e a un cambio de ventos”, explica a adega.
É por todo isto que Godeval quere transmitir unha mensaxe de agradecemento a todos os veciños que nestes días estiveron loitando contra os lumes na comarca. “Eles estiveron ao pé do canón para evitar en moitos lugares males maiores, tal e como sucedeu na poboación de Xagoaza, onde se sitúa a adega e parte dos seus viñedos”. Como explica a xerente da adega, Araceli Fernández, “sobrevivimos porque os voluntarios estaban connosco. Tivemos momentos críticos, cos incendios moi preto da adega, pero eles estiveron a axudar durante dous días, de forma incansable, día e noite; e despois un cambio de ventos axudounos”.
E engade que, “unha vez pasado o medo e botando unha ollada cara ás montañas que nos rodean, temos que considerarnos uns afortunados. Estivemos ao límite e sobrevivimos pero tamén queremos ter un recordo para todos os que perderon as súas casas nestes incendios”.

Dende Godeval apunta que o “poeta e clérigo inglés, John Donne, dixo unha frase que nos pode axudar a transmitir o noso pensamento: Non man is an island (Ninguén é unha illa). El quería expresar a idea de que os seres humanos están interconectados e que forman parte dun todo maior. Co que vivimos estes días en Valdeorras, cremos que se demostra que ninguén pode vivir illado e que vinculados somos máis fortes. Por tanto, os valores de solidariedade, empatía e traballo en comunidade son claves para a supervivencia e prosperidade. Reiteramos o noso agradecemento e transmitimos o noso agarimo a toda a comarca e os seus veciños”.