PolíticaÚltima hora

Graciela Diéguez (BNG) asumirá a alcaldía de Viana este martes, converténdose así na primeira muller rexedora do municipio

A súa chegada á alcaldía forma parte do pacto acordado co PSdeG-PSOE, tras a moción de censura presentada por ambos partidos en setembro do 2025 e que resultaba aprobada

Graciela Diéguez./ Cedida.

Graciela Diéguez (BNG) asumirá previsiblemente mañá, martes 18, a alcaldía de Viana do Bolo no pleno previsto ás 11:30 horas no salón de plenos. Coa súa toma de posesión, converterase na primeira muller en gobernar este Concello. A súa chegada a alcaldía forma parte do pacto acordado co PSdeG-PSOE, tras a moción de censura presentada por ambos partidos en setembro do 2025, cando gobernaba Andrés Montesinos (PP), e que saía adiante.

O acordo entre ambas forzas políticas incluía unha alcaldía rotatoria, primeiro para o socialista Germán García-Ávila, o actual alcalde, e seguidamente para a edil nacionalista. Unha etapa que, se cumpre o previsto, comezará o 18 de agosto.

Diéguez conta xa con experiencia na política municipal, xa que exerceu noutro mandato como concelleira de Cultura. “Significa unha enorme responsabilidade, mais tamén un orgullo e unha alegría ser a primeira alcaldesa do meu pobo, Viana”, afirma. E adianta que asumirá o seu mandato con ilusión e moitas ganas.

“É unha responsabilidade enorme xestionar os recursos públicos, co obxectivo de mellorar a vida das vianesas e vianeses, un reto que asumo con moita emoción e motivación”, engade Diéguez, quen se marca como obxectivo prioritario “ser un concello de portas abertas, que escoite a veciñanza e que traballe e solucione os problemas das veciñas e veciños”. “Temos un concello espectacular. Hai que pór Viana en valor, e para iso estou aquí e vou con todo o empeño e compromiso”.

Back to top button