O pasado mércores día 4 de xuño levábase a cabo un dispositivo policial encadrado dentro da loita contra o tráfico de drogas na cidade de Ourense. Trátase dun operativo denominado “Operación Copérnico” no que participaron varias unidades especializadas da Policía Nacional pertencentes á Xefatura Superior de Policía de Galicia dirixidas polo Grupo de Estupefacientes da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial de Ourense.
Froito do devandito dispositivo conseguiuse a detención de quince persoas investigadas por delitos contra a saúde pública. Así mesmo realizáronse dez rexistros en domicilios do ourensán barrio de Covadonga, nos que se interviñeron 3 quilogramos de heroína, 700 gramos de cocaína e 450 gramos dunha substancia coloquialmente denominada como “Rebujito”, composta por unha mestura de cocaína e heroína; ademais de 300 gramos de haxix. A estas cantidades de droga hai que sumarlle 17.000 € en metálico, fraccionados a maioría deles en moeda e billetes de baixo valor (o que indica que é un diñeiro procedente da venda ao “menudeo” de substancia estupefaciente) e útiles para o tráfico de estupefacientes, entre os que se atopan balanzas de precisión, segundo informa a Policía Nacional
A maioría da droga intervida atopábase disposta en doses destinadas á venda directa a drogodependentes.
Entre outras cuestións de interese, a Policía Nacional apunta que, ao ser advertida a presenza policial nos distintos domicilios obxecto da operación, os moradores tentaron levar a cabo a “queima” da substancia estupefaciente dispoñible para evitar así que se lles puidese imputar a tenencia da mesma. Proba diso foi a intervención de potas e fundicións que contiñan substancias parcialmente calcinadas, cuxo contido será remitido aos laboratorios de Farmacia para a súa análise cuantitativa e cualitativa.
Unha vez realizada a valoración das distintas substancias estupefacientes intervidas, e á espera dos pertinentes informes químicos, estímase que esta se podería transformar en cantidades próximas ás 42.000 doses individuais para o consumo.
Entre os diferentes problemas atopados polos intervintes destaca o alto grao de dificultade no acceso ás vivendas utilizadas para o almacenamento e venda das substancias estupefacientes, que se atopaban perfectamente “bunkerizadas”.
O inicio da investigación policial remóntase a abril do ano 2021, e é o resultado da análise de anteriores investigacións e operacións, ás que hai a súa sumar os labores de prevención da delincuencia levadas a cabo pola Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, así como a colaboración cidadá, e que finalmente concluíron co citado dispositivo policial, tal e como indica a Policía Nacional
Unha vez practicadas todas as dilixencias policiais tendentes ao esclarecemento dos feitos, os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución en funcións de garda, que decretou o ingreso en prisión de seis deles.
“Con esta operación policial, ademais de dar resposta a un dos obxectivos estratéxicos marcados polo Ministerio do Interior na loita contra o narcotráfico, tamén se pretende dar resposta ás demandas cidadás acerca da problemática derivada do tráfico de estupefacientes no barrio de Covadonga e zonas contiguas”, di a Policía Nacional.

Pedro Blanco: “Hoxe estamos aquí para confirmar que o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade dá importantes resultados”
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, exemplifica coa última operación contra o narcotráfico en Ourense, ‘Operación Copérnico’ o traballo constante para erradicar o narcotráfico en Galicia. Fíxoo durante un acto informativo no que estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; polo xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Pedro Pacheco, e polo comisario xefe da Unidade de Coordinación Operativa Provincial, Alberto Vidal.
Durante o operativo, realizado o pasado 4 de xuño, detiveron a quince persoas investigadas por delitos cotra a saúde pública e realizaron dez rexistros en domicilios do barrio ourensán de Covadonga. Constituíndoo a ‘Operación Copérnico’ como unha das máis improtantes en Galicia, desartellando o 50% do menudeo de droga na cidade de Ourense. “Hoxe estamos aquí para confirmar que o traballo da Policía Nacional dá importantes resultados” , explicaba o delegado, ao que engadía que o traballo da Policía é “discreta, pero constante, impedindo que o crime organizado nos adiante, porque é certo que sigue avanzando, pero atópase en fronte cun sistema preparado para responder”.
No operativo lembraba que participaron varias unidades especializadas da Policía Nacional pertencentes á Xefatura Superior de Policía de Galicia dirixidas polo Grupo de Estupefacientes da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría Provincial de Ourense.
O delegado resaltou a importancia deste tipo de operacións policiais que “ademais de dar resposta a un dos obxectivos estratéxicos do Ministerio do Interior na loita contra o narcotráfico “tamén responde ás demandas cidadás sobre as problemáticas derivadas do tráfico de estupefacientes no barrio de Covadonga así como nas súas contornas”.
Nese senso Blanco fixo fincapé na sensibilización desta problemática e na importancia de erradicar tanto o narcotráfico como o consumo de estupefacientes. “Esta problemática vese reflexada na evidente alerta social, na inseguridade cidadá e tamén nas perdas humanas a causa do consumo así como as secuelas causadas por culpa do mesmo. Por isto non me cansarei de repetir ben claro e ben alto que o noso compromiso e con toda a cidadanía, con todo o pobo e con toda Galicia”, engadiu o delegado.