
Unha oportunidade única para ver películas de grandes e novos directores que pasaron por grandes festivais e aínda non chegaron ás salas comerciais. A Sección Oficial Internacional da 29º edición do Ourense Film Festival (OUFF) presenta un conxunto de doce títulos nos que atopamos nomes como os de Pilar Palomero, Luis Ortega, Andrea Arnold ou Astrid Rondero. Propostas de todo o mundo nas que se atopan representados ata 19 países. Inmigración, maternidade, violencia de xénero, amor entre mulleres, amizade, transexualidade ou alcoholismo son algunhas das temáticas que o público poderá atopar nesta selección de películas. Unha escolma feita entre máis de 350 propostas, -que chegaron por primeira vez de países como Madagascar, Kirguistán, Burkina Faso ou Singapur- e avalada por grandes festivais como Cannes, Berlín ou Sundance. A Sección Oficial Internacional estará nas salas da cidade entre o 28 de setembro e o 4 de outubro.
Co Premio do Xurado de Cannes chega a Ourense La luz que imaginamos, da directora india Payal Kapadia, un filme que con gran sensibilidade trata temas como o amor, a amizade e o desexo dende a ollada de dúas mulleres de Mombai. No mesmo festival, Cannes, destacou como unha das nominadas a mellor película, Mongrel, ópera prima do taiwanés Wei Liang Chiang, unha proposta de realismo social que conta as vivencias de Oom, unha persoa que ten que elexir entre a supervivencia e a dignidade do contexto da migración ilegal.
Dende México chega a historia de Sujo, o nome do protagonista que da título ao filme, Hijo de Sicario (Sujo), de Astrid Rondero e Fernanda Valadez. Unha historia que mete ao espectador na problemática do narcotráfico en México dende a olllada dun neno. Infancias fora do común tamén atopamos en Bird, de Andrea Arnold, onde un adolescente fillo de pai soltero busca atención e aventuras. O filme esta protagonizado por Barry Keoghan.
O director sueco Levan Akin dá visibilidade ás vivencias das persoas transexuais en Turquía no filme Crossing, coa historia dunha profesora xubilada que nunha viaxe a Estambul coñece a unha avogada que loita polos dereitos das persoas transexuais. Tamén de temática queer atópase a comedia Gondola, de Veit Helmer, que narra os encontros de dúas azafatas que se atopan nas viaxes de ida e volta do telesférico de Georgia onde traballan. De Portugal chega O bêbado, de André Marqués, coa explora a deriva dun home alcohólico que unha noite decide axudar a un home e adéntrase, sen querer, en todo un pesadelo.
Sobre mulleres que loitan por saír adiante entre dificultades tratan Arrillo de hombre muerto, de Alejandro Gerber Bicecci e o filme suizo Les paradis de Diane, de Carmen Jaquier e Jan Gassman. Na primera, a película mexicana conta a historia de Dalia, unha muller que descobre que o seu home desapareceu e ten que seguir adiante entre as sospeitas e preguntas dos seus fillos e o seu amante. No segundo filme coñecemos a Diane, unha muller que despois de abandonar ao seu fillo recén nado e ao seu mozo emprende un novo camiño entre as ruidosas rúas de Benidorm.
A directora española Pilar Palomero adéntrase na historia duna muller que, despois de 15 anos lonxe do seu exmarido, volve ao seu lado para coidalo e lembra a vida que pasaron xuntos, en Los destellos. Un filme protagonizado por Patricia López Arnáiz e Antonio de la Torre.
O thriller chegará ao OUFF na película arxentina El Jockey, de Luis Ortega. Remo Manfredi, xogador de jockey lexendario, camiña polas rúas de Buenos Aires despois de sufrir un accidente no día máis importante da súa carreira, no que pode quedar libre das deudas co seu xefe mafioso. Tamén dende Arxentina, en coprodución con Uruguay, presentarase Milonga, unha historia de paixón dirixida por Laura González na que unha muller viúva e un home divorciado conectan e descóbrense co tango de fondo.