CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Homenaxe á profesora barquense Reme Arias pola súa xubilación

Un cento de persoas participaba nun xantar de despedida celebrado este domingo no Pazo do Castro (O Barco)

 

Logo dunha vida dedicada á docencia, Reme Arias Prada despedíase da súa profesión nunha sentida homenaxe celebrada este domingo 22 de xuño no Pazo do Castro (O Barco). Rodeada pola súa familia, tamén por profesores e profesoras cos que traballou, así como por amigos e polos seus compañeiros do Orfeón Valdeorrés, celebraba o paso a unha nova etapa.

 

 

Esta barquense, outra de cuxas paixóns é a música, leva 24 anos como directora do CEIP Otero Pedrayo de Viloira (O Barco). É unha persoa especialmente querida e así se demostraba nesta homenaxe, que reunía a un cento de comensais e na que non faltaban as sorpresas, nin os agasallos.

 

 

No apartado musical destaban as actuacións do profesor do Conservatorio do Barco Manuel Prada, ao saxofón, e tamén do director do Orfeón Valdeorrés, José Ramón Mansilla, tanto ao teclado como dirixindo a esta formación, da que Reme Arias forma parte e tamén foi a súa presidenta anteriormente.

 

 

Deste xeito, réndeselle homenaxe a unha docente cariñosa, traballadora e sempre implicada co seu alumnado ao longo da súa traxectoria.

Fotos: Carlos G. Hervella/cedidas.

 

 

Back to top button