A biblioteca do Instituto de Estudos Valdeorreses, espallada por tres estancias da Casa Grande de Viloira (O Barco de Valdeorras) está formada por abundante publicación propia e sobre todo importantes doazóns, aínda que ningunha tan grande en canto a número de volumes como a que vén de facerlle o cineasta valdeorrés Ignacio Vilar.
Máis de 1.100 libros e arredor de 400 películas en CD e DVD, material conseguido ao longo de 50 anos centrado basicamente no traballo do cineasta nado en Castrofolla (Petín) que están na biblioteca á espera de ser colocados nas estanterías “un agasallo para Valdeorras”, en palabras do presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, que vén merece un agradecemento público.

De aí que decidisen renderlle unha merecida homenaxe ao director de filmes galegos 100% rodados en Valdeorras como Pradolongo, e en localizacións cercanas como Vilamor ou A Esmorga, que tiña lugar na mañá deste sábado 26 de xullo no Salón de Actos da Casa Grande. Alí, rodeado de moitos veciños de Petín de onde é natural, de familiares, destacando a súa muller (a produtora), e algúns dos actores cos que traballou, como o ourensán Rubén Riós ou o amateur Roberto Porto, do Barco, coprotagonista en Pradolongo que saíu dunha complexa selección, Vilar recibía palabras de cariño, ledicia e recoñecemento, así como a placa, feita en madeira por Artesanía Enxebre de Valdeorras, que na súa honra quedará na sede do IEV.

No acto non faltaron as lembranzas, as palabras de cariño por parte do delegado da Xunta en Ourense Javier Pardo, polo director da UNED Ourense o tamén petinés, Jesús Manuel García e por suposto do presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado e o directivo, Julio Pérez que amosaron o seu agradecemento pola doazón.
Pola súa banda, entre carteis das súas películas e unha proxección audiovisual, o homenaxeada destacaba a importancia da promoción para dar a coñecer o traballo, loando unha vez máis o talento existente en Valdeorras, cunha emotiva lembranza para a mítica Sempre Xonxa de Chano Piñeiro.
A música do evento corría a cargo do gaiteiro Martín Porto, familiar do artista José de Valbuxán, Yosso, rematando cun viño e petiscos.
Fotos: Carlos G. Hervella.