Entrevistas

“Hoxe, a maior esixencia é reducir o paro”

Avelino García Ferradal, alcalde da Rúa polo PP, deputado provincial e delegado da área de Cultura, e presidente do Consorcio de Turismo de Valdeorras
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

En maio de 2011, Avelino García Ferradal entraba na alcaldía da Rúa tras gañar as eleccións substituíndo ao socialista Luis Fernández que á súa vez collera o testemuño do independente José Vicente Solarat. Dous anos despois, coa virulenta crise económica azoutando a pequenos e grandes concellos, o deputado provincial polo Partido Popular asegura que “ata agora o único que fixemos foi coller o remolque que viña de atrás e empuxalo”. Quédanlle dous anos ata que remate a lexislatura e a maiores de dirixir o concello rues con proxectos como o Centro de Saúde e o PXOM pendentes, Avelino leva a área de Cultura da Deputación de Ourense, e a presidencia do Consorcio de Turismo de Valdeorras.

¿Que presuposto se adica este ano ás festas?
Uns 60.000 euros dos cales 50.000 van para orquestras, palco, luces, bombas, xeneradores, sociedade de autores, sen contar a actuación de Placeres Solitarios e GetBackers que andan entre os dous sobre 4-5.000 euros. Os hinchables que son 2.000 euros… Estamos entre 57-58.000 euros, creo que este ano non nos imos pasar. Se podemos e non xurde ningún problema extra quedaremos por debaixo. Con respecto ao presuposto de hai tres anos baixou o 50%. É certo que seguramente se podería facer unha mellor festa, faría falta unha banda que era o que querían pero nestes momentos non se pode. Hai que ir baixo mínimos e que con eses mínimos a xente esté o mellor posible. Virán tempos mellores, esperemos.


Cinco anos despois seguimos sufrindo a crise, ¿economicamente como foi este último na Rúa?
Aténdonos ao presuposto, estamos na metade do ano e imos por debaixo do gasto previsto pero iso nos quere dicir que vaiamos ben. En papel fanse cadrar os números pero a realidade do día a día é que hai moitos recibos que non se pagan, problemas de liquidez, e ao mesmo tempo estanche pedindo que crees postos de traballo. Por exemplo tiñamos unha brigada de incendios e imos ter dúas… Iremos xustos pero había que facelo é e unha forma de darlle traballo durante tres meses a cinco persoas máis do pobo que tamén farán un servizo de limpeza nos montes como prevención. Temos en marcha un curso de axuda a domicilio con quince persoas. E logo hai unha serie de actividades de promoción de emprego que están case consolidadas como o obradoiro de xardinería e outro que pedimos. Tamén temos pendente unha obra da Confederación para a limpeza lateral de todo o río dende o Aguillón ata o límite con Vilamartín, algo importante, máxime despois da riada, que si suporá gasto. En canto a obras igual non estamos facendo todo o que queremos pero hoxe por hoxe a esixencia maior é reducir o paro e hai moitas familias que están vivindo verdeiros dramas así que na medida do posible é preferible ter unha obra menos e ter xente traballando. Con respecto aos impagos, hai moitos pero recuperamos unhas 120 vivendas que este ano comezarán a cotizar o IBI. Tamén entrou máis diñeiro do Estado por ter feito ben as cousas, que nos dá certa folgura, ademais de pasar os gastos da depuradora ao Consorcio de Augas, para poder ir mantendo un nivel normal a pesares de ter que pagar os créditos e sobre todo o plan a proveedores que é máis asfixiante.


¿Que proxectos hai pendentes de desenvolver a medio prazo?

Temos a primeira fase do proxecto con Augas de Galicia para o saneamento e abastecemeto da Rúa que vai abarcar dende o cruce de Doutor Vila ata San Roque así como a rúa do Felgar. Vanse levantar e cambiar porque son tuberías do ano 54 de uralita e cada vez que rompe desfaise. Son obras básicas, de feito tivemos dúas semanas con avarías diarias, cousas que nunca pasaran e que aínda que en certa medida están previstas, son as que fan que o presuposto vaia máis axustado.
¿Pódese falar de futuro empresarial na Rúa?
O ano pasado tiñamos vendidas a parcela de Autoneum e unha dun suministrador de Coca-Cola. Agora temos unha parcela máis vendida e outra que está practicamente adxudicada, pero é que ademais Autoneum está ampliando, e creo que iso é unha boa nova xa que non só vai supoñer o aumento dalgún traballador, senón que se vai consolidar o que hai, que non é pouco nestes momentos. Cando na maioría das empresas hai Ere’s, dicir que tes unha empresa con 120 traballadores que prevé un crecemento, nestes momentos é fundamental. E é posible que incluso poda crecer máis porque ten un contrato con Renault e xa non depende dun único cliente. Tamén se prevé que unha nave supletoria dunha empresa auxiliar se cree aí. E despois, Artesanos Peyma está facendo un labor impresionante en canto a distribución de produtos sobre todo de empanadas (2.000 diarias). Está abrindo mercado en Barcelona con dúas sedes, e Madrid… aínda que a sede social segue estando na Rúa creando novos postos de traballo, polo que é digno de sinalar. Do resto, A Rúa é un pobo que non move industria, a pizarra non vai ben e o sector non se ten fixado no parque empresarial, pero aí estamos, a nosa oferta de terreos é doada e barata, o único que se lle esixe é que se urbanice a parcela e iso descóntaselle do custe final. Estamos nun momento en que ninguén arrisca nada e todo está parado. Parece que se empeza a ver algo pero segue habendo moito medo e dificultade.
A rotonda, a implantación do gas… pouco a pouco vanse materializando proxectos iniciados hai moitos anos pero outros seguen pendentes. ¿En que situación está o Centro de Saúde?
Recibimos xa da comisión superior de Urbanismo a aprobación da modificación do terreo que era a peza fundamental para poder facer o convenio e firmar e nestes momenos estase redactando e espero que esté para setembro. Despois haberá que levalo a pleno ou comisión e a partires de aí comprar (está apalabrado pero hai que pagar) e ceder os terreos á Consellería que se comprometeu a facer o proxecto e á continuación licitar a obra. Podemos estar falando dun ano… De feito eu contaba con ter feito isto hai xa un ano pero as cousas van moi lentas e sempre xurden imprevistos. Confío en que antes de rematar a lexislatura poidamos poñer a primeira pedra.
¿E con respecto ao tema urbanístico?
Iso vai máis adiantado. Xa tivemos unha visita de Urbanismo e xa chegamos a un acordo, con Patrimonio que sempre pon máis impedimentos, tamén hai acordo. Quédanos unha visita que será xa para setembro e eu espero que sexa tal como falaramos e aínda que nos poñiamos o obxectivo de xullo, en realidade sempre pensamos en decembro. É importante telo aprobado aínda que despois se fagan modificacións puntuais.

 

Texto: Mónica G. Bellver     Foto: Carlos G. Hervella

(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Festas do Periódico O Sil).

 

 

 

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button