ConcellosÚltima horaVerín

I Xantar do Capuchón, unha xornada de convivencia, gastronomía e “Entroido de día”, o 7 de febreiro en Verín

O Concello de Verín incorpora como importante novidade na programación do Entroido 2026 o I Xantar do Capuchón, que se celebrará o sábado 7 de febreiro e que nace co obxectivo de “potenciar a convivencia, a participación veciñal e o Entroido vivido durante o día, tomando como elemento central a figura tradicional do Capuchón”.

O  xantar terá lugar ás 14:30 horas no Pavillón de Deportes, cun prezo de 28 euros, sendo gratuíto para menores de 6 anos, para os que tamén será imprescindible retirar o correspondente ticket. A venda de entradas xa está dispoñible no propio pavillón, en horario de 12 a 14 e de 19 a 21 horas.

O menú estará composto por empanadas variadas como entrante, sopa, lacón, androlla e chourizo con grelos e cachelos, e de sobremesa orellas e bica ou torta Cigarrón. Inclúe tamén auga, gaseosa e viño tinto e branco da D.O. Monterrei, así como pan, café (só ou con leite) e chupitos.

 

 

Barreira animou á participación activa da veciñanza e das persoas visitantes, destacando que “queremos que o Xantar do Capuchón sexa unha xornada para vivir o Entroido como se fixo sempre: na rúa, compartindo mesa, música e festa, e convidamos a todas e todos a vir co seu capuchón -non sendo, por suposto, obrigatorio- e gozar dun día de celebración popular”.

A concelleira de Festexos subliñou ademais que esta proposta “busca recuperar e poñer en valor unha figura tradicional do noso Entroido, o Capuchón; dándolle protagonismo tamén á gastronomía, á convivencia e á participación, que son sinais de identidade desta tradicional festa verinesa”.

O xantar complétase cunha programación continuada de música e animación ao longo de toda a xornada, co obxectivo de “converter o centro da vila nun espazo de encontro e celebración colectiva desde as primeiras horas do día”.

O programa previsto para o sábado 7 de febreiro é o seguinte:

• 12:30h: Sesión vermú coa Charanga Los Támega (praza García Barbón).
• 14:30h: Xantar do Capuchón (pavillón de Deportes).
• 17h: Animación musical con Los Támega (rúa Irmáns Moreno – rúa Montemaior).

Back to top button