Alta competición, espectáculo, gran participación e un multitudinario público. A Milla Urbana do Barco celebraba na tarde deste 15 de setembro unha exitosa e intensa 36ª edición, que se iniciaba a partir das 18h. no circuíto do Paseo do Malecón do Barco.
Un dos momentos máis agardados chegaba contra as oito da tarde, co inicio das carreiras absolutas. A primeira delas era a feminina, na que participaban 11 atletas, algunhas das cales corrían por vez primeria esta proba. Entre elas estaba a independente Idaira Prieto, a vencedora da proba, tras completar o percorrido nun tempo de 05:04.6.

“Fíxome moita ilusión esta vitoria, o público animaba dende o primeiro momento e tamén tiña unhas compañeiras que facían que a carreira resultase moi bonita, tiven unha moi boa impresión”, tal e como declaraba a atleta ao Periódico O SIL. Tras Idara Prieto entraban en meta Eva Piñel (RCC) e Rocío Garrido, con marcas de 05:08.1 e 05:15.6, respectivamente.
Emoción tamén na carreira absoluta con doce atletas na liña de saída, entre eles Jesús Gómez, subcampión da anterior edición, e dous do Adas, Sergio Alegre e Ignacio García. Malia que nos primeiros momento o grupo ía compacto, pronto Abderrahman El Kayami (Playas de Castellón) comezou a marcar o ritmo para finalmente impoñerse, pero cunha estreita vantaxe, ao segundo clasficado Jesús Gómez (Nike Running), entrando terceiro David de la Fuente. “Estou contento de poder estar aquí”, tal e como aseguraba ao Periódico O SIL, “tiña compañeiros de moito nivel na carreira, que foi reñida ata o final”.
Fotos: O SIL.
