Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

III Andaina e Trail San Xil Casaio (Carballeda de Valdeorras), o 12 de maio

Contará con catro modalidades diferentes (trail longo e curto, andaina longa a curta) e estará limitado a 300 participantes

 

A terceira edición da Andaina e Trail San Xil Casaio (Carballeda de Valdeorras) xa ten data. Celebrarase o vindeiro 12 de maio, co lema “Do monte á montaña”, e contará con ata catro modalidades diferentes. Por unha banda, incluirá unha andaina curta duns 16 km e 850 metros positivos de desnivel e outra longa duns 20 km e 1.100 m positivos. En ambas probas a saída está prevista para as 9:30h. dende Casaio.

Por outra banda, os participantes tamén poderán escoller entre dous trails de diferente distancia: un curto duns 20 km e 1.100 m de desnivel positivo (con saída ás 9:30h.) e outro longo duns 31,5 km e 1.700 m de desnivel positivo (que partirá de Casaio ás 9h.).

 

 

O seu trazado discorre polo entorno de Pena Trevinca, con impresionantes paisaxes e paraxes de gran valor natural, e será similar ao da anterior edición, salvo nun caso. “Este ano non varía o percorrido, pero no Trail longo de 31,5 km houbo que cambiar unha zona. Nesta ocasión o crestón de Trevinca e a baixada do Val glaciar do Foio Castaño non se fai, transcorrendo esta vez pola parte da mina de volframio dos alemáns, en Valborraz”, explican dende a organización, en mans da CMVMC da Serra de Casaio e Lardeira e de Rutas Xanzá.

 

 

As inscricións neste evento deportivo poden realizarse a través da web www.sportmaniacs.com, pero tamén nos establecementos Bicis Chapi e Foot on Mars no Barco e na Cantina de Nati de Casaio. O Trail longo volve estar limitado a 75 participantes, mentres que para o total das disciplinas o límite será duns 300 participantes. “O ano pasado chegouse a completar esta cifra de deportistas dez días antes da proba”, lembran dende a organización.

As persoas interesadas poden ampliar información visitando a páxina web desta cita deportiva www.sanxilcasaioandainaetrail.com.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button