
No ano 2024 un grupo de antigos xogadores e exdirectivos do Club Deportivo Rubiá, desaparecido hai máis de quince anos, decidía facer un encontro de persoas vinculadas a este club deportivo, de lembranza e confraternidade, para revivir a historia e memoria deste equipo.
Como cabía esperar a iniciativa tiña moi boa acollida e nesa I xuntanza reuníanse máis dun cento de persoas en torno a unha xornada dividida en dúas partes, unha deportiva, con partidos de fútbol sala no pavillón municipal, e outra lúdica cun xantar nunha carpa instalada no exterior.
Un ano despois repetían, con algo menos de afluencia debido principalmente a coincidir co Día da Letras Galegas, pero igualmente exitosa, cambiando o formato do programa, (a parte deportiva no campo de fútbol Os Ladrillos e o xantar no pavillón, con xogos, risas e homenaxes) e deixando á xente con ganas de máis.
Por iso decidían organizar a III xuntanza, adiantando nesta ocasión a data ata o sábado 9 de maio pero mantendo o xantar no pavillón municipal de Rubiá para as 14:30 horas. Con respecto ao apartado deportivo, a idea é disputar un partido dunha hora de duración e tamén probas de habilidade e distancia, con premios para os gañadores “que poderán compartir co resto de participantes”, din dende a organización, lembrando que se trata dun día “para pasalo ben sen esforzo nin presas”.