O Día internacional contra o Cancro de Mama, creado pola Organización das Nacións Unidas, conmemórase cada 19 de outubro e pretende crear conciencia sobre a enfermidade. O Concello do Barco de Valdeorras secunda esta efemérides coa iluminación en cor rosa da Casa Consistorial (Concello Vello), na tarde-noite do sábado día 19, e o luns día 21, ás 20,00 horas, proxectarase no Teatro Lauro Olmo o filme “O bus da vida”, en colaboración co Cine Club Groucho Marx.
Toda a recadación da billeteira (3 euros por entrada) desta proxeción entregarase integramente á Asociación Española contra o Cancro (AECC).
“Esta data transcende as fronteiras xeográficas e busca concienciar á poboación mundial sobre a importancia da prevención e o diagnóstico temperán desta enfermidade que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. É un día para lembrar a importancia da prevención, a necesidade de apoiar a quen padece esta enfermidade e destacar e agradecer o labor de médicos, enfermeiras, investigadores, psicólogos e asociacións de pacientes que traballan incansablemente para mellorar a calidade de vida e o prognóstico das persoas con cancro de mama”, din dende o Concello do Barco.
Fotos: O SIL.