Esta tarde tiña lugar a inauguración da nova adega-restaurante FATHER 1943-Paisana, situada na localidade de Vilamaior, en Verín. Trátase dun proxecto hostaleiro e vitivinícola que está ligado á iniciativa matriz da Reitoral do Monaguillo.
Este acto institucional contaba coa asistencia de diversas autoridades, entre elas o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o presidente do CRDO Monterrei, Manuel Vázquez; o bispo emérito de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, e os fundadores do proxecto.
Luis Menor cualificaba a apertura deste novo espazo como ” unha mostra rotunda de confianza na nosa terra, na nosa xente e no futuro de Verín e de toda a comarca de Monterrei”. Ademais quixo agradecer profundamente “esta aposta decidida por crear vida no rural ourensán”, subliñando que proxectos destas características son “os que dinamizan a vida social e económica dunha comarca, converténdose en motores de emprego, de turismo e de orgullo local”.
O presidente provincial salientou a importancia estratéxica de que este proxecto naza estreitamente ligado ao sector vitivínicola, “un dos grandes piares da nosa provincial”, afirmando que Monterrei é “unha terra privilexiada onde o viño forma parte da nosa identidade, da nosa cultura e da nosa forma de entender a vida”.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel do enoturismo como unha ferramenta clave para potenciar un modelo turístico de calidade, respectuoso coa contorna e que achega un valor engadido real a todo o territorio.
Así o asegurou, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a inauguración da adega-restaurante Father 1943 e Paisana. Neste sentido, Rueda puxo en valor o esforzo dos promotores por revitalizar o territorio a través de iniciativas que conxugan a tradición patrimonial coa vangarda tecnolóxica, ao tempo que subliñou que este tipo de proxectos representan o máximo expoñente da Galicia Calidade a nivel global.
Esta adega, dicía, é unha iniciativa impulsada polos irmáns Asunción e Ernesto Rodríguez Zarraquiños na parroquia verinesa de Vilamaior, a cal se converte na trixésima adega da Denominación de Orixe Monterrei.
Fotos e vídeo cedidos.

