ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Inaugúrase a nova sede da Policía Local do Barco, na céntrica rúa Pérez Lista

 

Os axentes trasladábanse hai uns meses pero non era ata este xoves 15 de xaneiro cando a Policía Local do Barco de Valdeorras inauguraba oficialmente a súa nova sede, na céntrica rúa Pérez Lista Nº 38, fronte á praza Andrés de Prada.

 

 

Facíao no marco da celebración da festa do seu patrón, San Mauro, acompañados por familiares, amigos, corporación municipal, membros da Asociación de Empresarios de Valdeorras e numerosos representantes das forzas de seguridade que tamén acudían aos cultos na igrexa de San Mauro, entre os que destacaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o tenente coronel da Comandancia de Ourense, Rafael Berguillo, así como xefes policiais de Ponferrada e Galicia.

 

 

O encargado de dar a benvida aos asistentes era o recentemente nomeado inspector xefe da Policía Local, Fernando Lozano que aseguraba que as novas dependencias son “unha ferramenta máis para darlle calidade sobre todo, aos cidadáns do Barco, un plus de traballo e de cercanía porque agora estamos máis preto deles”, destacando que o servizo máis novidoso e chamativo neste momento é o control, dende a pantalla situada nunha das salas habilitadas, das 15 cámaras de control e vixilancia de tráfico en varios puntos do centro da vila.

 

 

Pola súa banda o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou o traballo da Policía Local do Barco por ser “un corpo que está á vangarda da proximidade, a prevención e a seguridade viaria”. Na súa intervención, felicitou ao Concello pola habilitación dun novo espazo moderno, renovado e con mellores condicións para que o corpo municipal poida desenvolver o seu traballo con profesionalidade. “Investir na Policía Local é investir en seguridade e convivencia”, subliñou. Ademais, recoñeceu o esforzo que fan a diario todos os membros do corpo, que son “a primeira referencia para a cidadanía, os que están máis preto da xente”. “É un traballo que se ve nas rúas, nas escolas, nos barrios, nos comercios e que soluciona os problemas cotiáns dos veciños e veciñas do municipio”, resaltou.

 

 

Tamén agradeceu a fundamental colaboración da Policía Local coa Dirección Xeral de Tráfico, xa que O Barco de Valdeorras é a única localidade da provincia na que se realizan exames prácticos de conducir. Ademais, Santos puxo en valor que é unha Policía Local activa, que se adhire ás campañas de tráfico e realiza controis, con constante colaboración coa Garda Civil. “Aínda que ás veces pasa máis desapercibido, é imprescindible agradecer o labor que fai o corpo local en materia de prevención e educación viaria”, destacou, antes de entregar o distintivo honorífico do Ministerio de Interior pola participación nos dispositivos de emerxencia e seguridade durante a catástrofe da DANA que afectou á Comunidade Valenciana, Castela A Mancha e Andalucía en 2024 a tres membros da Policía Local do Barco: Fernando Hernández González, Gonzalo González Prada e José López García.

 

 

As intervencións, antes du percorrido polas novas instalacións, pechábaas o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, que fellicitaba aos tres membros recoñecidos e tamén ao inspector xefe “que hai uns días tomaba posesión da praza en propiedade”, asegurando que para el como alcalde sente hoxe unha gran satisfacción por “culminar un traballo tralo que levabamos moitos anos”. Alonso explicou o proceso polo que pasou o edificio, no que estaban os antigos Xulgados, cedido ao Concello pola Xunta no 2018 tras moitos anos de negociación “e tiñamos claro que era o lugar idóneo para acoller á Policía Local”, durante anos nun espazo moi reducido e insuficiente.

 

 

As obras comezaban no ano 2023 e remataban a mediados do 2025, nun edificio de varias plantas (soto, entreplanta, dous andares e baixo cuberta). Tal como explicou o alcalde a actuación (cunha reforma que afectou ao illamento, sistema eléctrico e demais) afectou á entreplanta na que se atopan as salas principais e tamén no primeiro andar cun orzamento de 270.000 euros con fondos propios do Concello, á que se suma a instalación das cámaras cun investimento de 35.000 euros.

 

 

Para este 2026 teñen previsto outro investimento “de 72.000 euros para cambiar a cuberta”, adiantaba o rexedor, informando da actuación que tamén teñen previsto para o primeiro andar que está dividido en dúas partes. Unha para dependencias da Policía Local (vestiarios, sala de usos múltiples,…) e outra, de momento baleira. Queda pendente a vivenda no andar superior, que ten entrada independente, que nun futuro “pretendemos adecentar para que os Servizos Sociais dispoñan dela en caso de necesidade completando as prazas que poidamos ter noutros edificios”.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button