CulturaCulturaÚltima hora

Inaugúrase a “sarga” de Francisco Naranjo na igrexa de San Salvador de Hospital (Quiroga)

 

A igrexa de San Salvador de Hospital (Quiroga) vén de acoller este luns a inauguración da pintura “sarga” creada especificamente para o baptisterio da igrexa polo artista malagueño Francisco Naranjo. A data escollida para a bendición, o 17 de agosto, non era casual posto que posúe unha forte carga simbólica. O acto rendía homenaxe ao sitio de Rodas de 1480, unha das vitorias militares máis soadas dos Cabaleiros Hospitalarios da Orde de San Xoán.

Ao acto inaugural acudía o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes Carballada quen exerceu oficialmente de padriño desta obra. O acto central da inauguración consistiu nunha bendición solemne da peza artística dentro do templo a cargo do vicario de pastoral da Diócese de Lugo, Luis Manuel Rodríguez Pérez.

A sarga, conta cun profundo arraigamento histórico; trátase dun tipo de pintura de gran formato executada ao amorne sobre unha tea lixeira que carece de imprimación previa. Este procedemento —moi popular durante a Idade Media e os séculos XV e XVI en Flandes e España— achega ao baptisterio un carácter medieval único e adaptado á sobriedade do templo.

 

 

A colocación desta obra culmina unha dilatada secuencia de intervencións estruturais no templo de Hospital. Este proceso comezou no ano 2005, cando a corporación municipal, o Obispado de Lugo e a Consellería de Cultura coordinaron un investimento de 70.000 euros para consolidar o edificio.

O compromiso institucional renovouse e intensificou en 2010 coa inxección doutros 92.000 euros destinados á protección deste ben patrimonial. A partir dese ano, a comunidade parroquial tomou a testemuña dos traballos, logrando recuperar con éxito os tres retablos barrocos, a totalidade da iconografía e a ourivaría do templo.

Fotos RTM Quiroga.

 

Back to top button