
Na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín) tiña lugar esta mañá a inauguración oficial do mecanismo realizado para poder mover os relicarios dos Bispos de maneira que poidan verse as pinturas murais descubertas detrás dos mesmos cando foron temporalmente retirados para a súa restauración.
No acto estiveron presentes o bispo de Ourense, monseñor Lemos Montanet, e responsables da Diócese (o vigairo de Patrimonio, Raúl Alfonso; o párroco de Santo Estevo, Xosé Xulio Rodríguez, e o ecónomo diocesano, Daniel Argiz), representantes da Fundación Iberdrola, que fixo posible co seu financiamento estes traballos, comezando por Fernando García Sánchez, e outros directivos da mesma (o director d ela Fundación Iberdrola, D. Ramón Castresana, o delegado Institucional da mesma, Francisco Silva, e o responsable de Arte e Cultura da Fundación Iberdrola, Antonio Collada).
Representando a distintas institucións facíanse presentes no acto a directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua; o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes; a directora do Parador de Santo Estevo, Esther González, representando tamén a Paradores de España que colaborou así mesmo economicamente con estes traballos; a xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, e responsables dos traballos realizados: tanto a restauradora, Vania López, como o arquitecto Fernando Bonrostro.
Estes últimos comezaron explicando os traballos realizados, co fin de que os relicarios puidesen convivir as dúas obras descubertas: buscouse un sistema de brazo móbil, que foi posible grazas ao financiamento da Fundación Iberdrola, co que estes se poden deslizar cara a un lado e así poder gozar do ciclo de pintura mural dos laterais da cabeceira da igrexa. Este sistema realizouse tamén na catedral de Salamanca e ese mesmo equipo, formado polo enxeñeiro Alfredo Díaz da empresa EtisRoc, e o arquitecto Fernando de Bonrostro, deseñou estes dous mecanismos.
Os relicarios, restaurados polo Centro de Restauración San Martín, co financiamento da parroquia e de Paradores, son do ano 1595, obra de Juan de Angés do mesmo xeito que o retablo maior. As pinturas murais descubertas, do século XV e XVI, foron restauradas tamén polo Centro de Restauración San Martín, co financiamento da Diócese de Ourense.
O presidente da Fundación Iberdrola, Fernando García, amosaba a súa satisfacción por contribuír a mellorar e conservar un enclave de tanta beleza e relevancia. A directora Xeral de Patrimonio tivo tamén palabras de recoñecemento para a implicación de quen fai posibles que o Patrimonio Cultural da Igrexa en Galicia se poida conservar da mellor maneira, de modo que todos os cidadáns poidan gozalo, coñecelo e valoralo.
Pola súa banda, monseñor Lemos Montanet quixo agradecer a implicación de todos, tanto da Fundación Iberdrola, coa súa achega económica, como dos técnicos e traballadores que levaron a cabo este magnífico traballo, dando mostra de “entre todos podemos conseguir grandes cousas”.
Ao finalizar esta primeira parte do acto púidose pasar á sancristía para presentar e ver por primeira vez as réplicas dos aneis dos Bispos Santos, contando coa explicación do xoieiro José Luis Ferreiro, quen se emocionaba ao explicar o proceso de traballo que lle levou a conseguir unha réplica tan fiel aos orixinais.