OurenseÚltima hora

Inaugúrase na Sala Valente e na rúa do Paseo de Ourense a exposición #Estilo Verino

Esta retrospectiva dos 40 anos do deseñador poderá visitarse ata o vindeiro 25 de abril

 

A Sala municipal José Ángel Valente e a rúa do Paseo da cidade de Ourense acollen desde este 14 de marzo a exposición “40 anos de #Estilo Verino”. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e o deseñador Roberto Verino inauguraron esta tarde a mostra, organizada coa colaboración do Concello, que se poderá visitar até o día 25 de abril. Ourense será así a derradeira parada en España na ruta dunha retrospectiva que conmemora os 40 anos da marca, e que visitou diferentes 9 cidades españolas, comezando en Verín no mes de xuño de 2022.

A exposición está composta por unha selección de fotos e vídeos que axudan a entender a esencia do #estiloverino: unha forma de entender a moda baseada en pezas de calidade que son fondos de armario e que son sempre un “musthave”. Dentro desta selección, atópanse imaxes de top models como Christie Turlington, Olatz, Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Paco Navarro, Jacques Oliveiral, Javier Salgas, Javier Márquez, entre outros.

Á exposición da Sala Valente interna súmaselle unha pequena mostra exterior na rúa do Paseo, no treito que vai desde as Galerías Viacambre até a rúa da Concordia. Nela se poden ver de forma inédita e en exclusiva fotos de todo o percorrido desta exposición polas 9 cidades anteriores: Verín, A Coruña, Santiago, Oviedo, Burgos, Madrid, Valencia, Santander, Sevilla e Barcelona onde finalizou o 21 de febreiro no recinto da Fundación Palo Alto.

Artigos relacionados

Back to top button